A policía investiga o incendio que deixou calcinado un coche estacionado en Marín
A policía investiga se o lume foi provocado
O vehículo, envolto en lapas, case bate contra unha casa
A policía investiga o incendio nun coche estacionado nunha rúa de Marín. O lume provocou varias explosións e deixou calcinado o turismo que comezou a moverse sen control, envolto en chamas, ata estar a piques de bater contra o muro dunha casa. A policía investiga o suceso e non desbota que fora intencionado.
Os veciños do barrio de San Pedro en Marín aínda teñen os susto no corpo. Espertaron de madrugada co estrondo de varias explosións. Saíron á ventá e puideron ver que un coche estacionado a carón da piscina municipal comezara a arder.
O lume afectou as marchas e os freos do turismo, provocando o seu desprazamento sen control e envolto en chamas varios metros marcha atrás. A piques estivo de bater contra o muro dunha vivenda. O coche quedou no medio da vía, pero, afortunadamente, ninguén pasaba por alí de madrugada.
O propietario do vehículo é un veciño da zona que, asegurou, vai presentar denuncia. A policía xa o inspeccionou e abriu unha investigación. Non se descarta que o lume puidese ser intencionado.