Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Policía investiga unha vaga de asaltos en igrexas do rural compostelán

A Policía investiga unha vaga de asaltos en igrexas do rural compostelán

En Marrozos profanaron o Santísimo e en Figueiras tentaron levar o sagrario

Forzaron as portas das igrexas de Laraño, Santa Lucía e Roxos, pero non lograron acceder 

G24.gal 23/08/2024 13:45

Esta é a segunda vez en dez días que os asaltantes visitan a igrexa de Figueiras. Da primeira, non deron aberto o portón. Da segunda, lograron facer un oco para entrar, pero o sagrario que querían roubar non collía e quedou atrancado entre as follas da porta.

"Moi profesional non foi, era delgado porque collía polo oco que fixo pero non deu sacado o cáliz", comenta un veciño.

"Eu atopei o sagrario alí no medio da porta, xa pensei, desta volta si que entraron. Como xa fixera da primeira vez, chamei ao cura e a tamén á policía, que enviou axentes da científica a investigar", di Carlos Garabato Quintáns, o sancristán de Figueiras.

Como explica o sancristán, a policía tomou mostras das pegadas dos intrusos, igual que xa fixera días antes na igrexa de Marrozos. Alí profanaron o sagrario, deixando o cáliz e roubando as hostias. Igual que sucedeu en Figueiras, os asaltantes non foron polas pezas de maior valor económico.

"Cremos que non se trata dun ladrón ao uso. Cremos que van na busca do que é máis sagrado para nós, a sagrada forma do Santísimo", sospeita Miguel López Varela, o párroco de Figueiras.

Nos últimos días tamén tentaron entrar nas igrexas de Laraño, Santa Lucía e Roxos, pero as trancas non cederon. En Roxos están moi sorprendidos porque a capela non ten obxectos valiosos e está rodeada de casas. De feito foi un veciño quen escoitou ruídos o que frustrou o asalto.

"Foi na madrugada do San Roque, un veciño escoitou ruídos e abriu a ventá. Pareceulle ver dúas persoas e un deles daba patadas á porta da igrexa e tamén tiña un ferro, pero cando escoitou a persiana do veciño, escapou cara a onde tiña o coche", explica unha veciña da zona.

A preocupación estendeuse polas parroquias compostelás, que estudan tomar medidas como baleirar os sagrarios e levar a recadación cada día antes de pechar. Para arranxar os estragos xa buscaron outros aliados...

"Como o pai de Xesús era carpinteiro, seguro que nos envía un bo profesional para arranxar a porta", conclúe o párroco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade