A Policía Local e a Garda Civil de Barbadás empezarán a vixiar o roubo de plantas na rúa
A Policía Local e a Garda Civil de Barbadás empezarán a vixiar o roubo de plantas na rúa
Remudaranse día e noite para evitar que as plantas sigan desaparecendo da principal avenida do concello
No concello ourensán de Barbadás, nos últimos meses roubaron 80 testos con plantas. Á policía non lle quedou outro remedio que tomar medidas.
Os roubos de plantas ornamentais concéntranse na principal avenida da localidade ourensá da Valenzá, no concello de Barbadás. Nos últimos días desapareceron cinco plantas de ciclaminos das xardineiras instaladas na vía pública. Pero se nos remontamos no tempo, oitenta exemplares de diferentes especies de plantas foron subtraídas en distintos puntos do concello.
“Estamos todas as semanas traendo plantas e vén o xardineiro dicindo hai que traer máis porque nos faltan. E así, semana tras semana”, di Marcos Francisco, provedor de plantas do Concello de Barbadás.
“Plantas sempre levaron, pero en pouca cantidade. Podían ser ao mellor dez ou así, pouca cousa. Pero é que ultimamente vai unha cantidade moi grande, son oitenta”, conta Juan Carlos Rodríguez, xardineiro do Concello.
“Pensamos que poden ser diferentes persoas, que ao mellor non é a mesma persoa. Porque é imposible que a xente se mova tanto”, comenta Victoria Morenza, concelleira de Parques de Barbadás.
Para evitar os roubos de plantas ornamentais, a Policía Local vai intensificar a vixilancia nas zonas onde se rexistran máis subtraccións.
“Polo día é difícil que fagan estas falcatruadas. A partir da noitiña, das sete e media ou cando comece a escurecer ata finais de servizo. Despois está avisada tamén a Garda Civil, que é a que patrulla de noite”, avisa Fernando Freire, o xefe da Policía Local de Barbadás.
Ao mesmo tempo o Concello puxo en marcha unha campaña nas redes sociais para concienciar a poboación do custo económico destes roubos e lembrar a importancia de respectar os lugares públicos.