A Policía Nacional busca un home de 82 anos que desapareceu o xoves en Santiago
A Policía Nacional busca un home de 82 anos que desapareceu o xoves en Santiago
Está enfermo de párkinson e os seus familiares cren que se puido desorientar
Jesús Rodríguez ten 82 anos de idade e está enfermo de párkinson. Contra as seis da tarde deste xoves saíu da súa casa, no lugar de Pardiñas, en Laraño, e nunca regresou. Levaba pantalón azul, suadoiro verde e un bastón co que se axudaba para andar. Os seus familiares cren que se puido desorientar.
Durante a noite familiares e veciños do desaparecido, axudados pola Policía Local de Santiago, estiveron buscando nas inmediacións da casa, pero sen éxito. Xa pola mañá, este venres, a Policía Nacional fíxose cargo do dispositivo de busca. Nas primeiras horas as batidas centráronse na contorna da casa tal e como comentou Santiago Reboiras, xefe da brigada de seguridade cidadá de Santiago.
Pasadas as doce da mañá sumábanse ao operativo cinco cans de rastrexo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión e varios drons da Policía Nacional, que segundo nos dixo Santiago Reboiras están dotados da tecnoloxía necesaria para buscar persoas en zonas boscosas e de difícil acceso.
A familia agradece calquera información que poida axudar a dar co paradoiro de Jesús.