A Policía Nacional desartella dúas redes que explotaban persoal estranxeiro
A Policía Nacional desartella dúas redes que explotaban persoal estranxeiro
As vítimas traballaban en condicións infrahumanas nunha adega de Cuenca e na construción en Málaga
Nas dúas operacións detiveron un total de 23 persoas
A Policía Nacional desartellou dúas redes criminais que explotaban laboralmente persoas chegadas doutros países nos sectores agrícola e da construción, tendo que vivir amoreadas nunha adega ou durmir e comer en coches.
Nestas dúas operacións, levadas a cabo en Cuenca e Málaga, coincidindo co Día Mundial contra a Trata de Seres humanos, foron detidas 23 persoas.
En Cuenca, os axentes localizaron unha adega onde vivían, en condicións infrahumanas, unhas 40 persoas explotadas no sector agrícola.
Tras varias xestións, descubriron a existencia dunha rede empresarial, dedicada ao sector agrícola, que mantiña o seu persoal nesta situación. As vítimas pernoitaban nunha estancia sen ningún tipo de aveños, cun baño prefabricado e insalubre e sen as mínimas condicións de hixiene.
A investigación culminou coa detención de cinco persoas, unha delas en Albacete e catro na provincia de Cuenca. Ademais, as forzas de seguridade efectuaron dous rexistros onde interviron máis de mil euros en efectivo e documentación relacionada coa investigación.
Xornadas de 24 horas
A outra operación desenvovleuse en Málaga. As vítimas durmían e comían no interior de vehículos e traballaban no sector da construción durante xornadas de máis de 24 horas.
Os axentes detectaron unha rede que, baixo a aparencia dunha estrutura empresarial, utilizaba a imaxe de asociación de axuda a persoas migrantes captando así as súas vítimas para explotalas no sector da construción.
O operativo culminou coa detención de 18 persoas (17 na cidade de Málaga e unha en Madrid), e catro rexistros en Málaga onde interviñeron 30.000 euros en efectivo, un vehículo de alta gama, varios teléfonos móbiles e documentación relacionada coa investigación.
Ambas as dúas operacións enmárcanse dentro do Plan da Policía Nacional contra a Trata de Seres humanos que conta coa liña telefónica 900 10 50 90 e o correo trata@policia.es para facilitar a colaboración cidadá e a denuncia, anónima e confidencial, deste tipo de delitos.