A Policía pide colaboración cidadá para atopar dez fuxitivos, dous deles galegos
A Policía pide colaboración cidadá para atopar dez fuxitivos, dous deles galegos
Entre eles, figuran o narcotraficante galego Saro e o salesiano de Vigo condenado por abusos a menores
Son aqueles coas penas máis graves por delitos como homicidios, violacións, abuso sexual de menores ou tráfico de drogas
Un deles leva once anos fuxido e varios están considerados moi perigosos e portan armas de fogo
A Policía Nacional lanzou unha campaña para localizar dez fuxitivos buscados por diferentes xulgados nacionais e internacionais. Os delitos polos que se buscan son aqueles coas penas máis graves, como homicidios, asasinatos, violacións, abuso sexual de menores de idade ou tráfico de drogas conectado a criminalidade organizada de alto perfil.
Segundo informou a Policía, a colaboración cidadá pode ser clave para localizar os fuxitivos, polo que se puxo ao dispor dos cidadáns o correo electrónico losmasbuscados@policia.es. A través deste, pídese a calquera persoa que poida achegar algún dato relevante que colabore coa investigación policial. As autoridades destacan que os datos dos informadores serán completamente confidenciais.
Aínda que se cre que os fuxitivos poderían atoparse en España, o órgano policial recalca que estes poden ser detectados fóra da fronteiras españolas e que, de ser así, a sección de localización de fuxitivos conta con ferramentas de cooperación internacional para que se proceda á detención dos criminais. Por iso, considérase que toda información relevante que se poida poñer ao dispor dos órganos xudiciais é esencial nestes casos.
Algúns dos fuxitivos máis buscados: desde ladróns de vehículos a capos da droga pasando por profesores que abusaron de menores
Gregorio Navas Hernández conta con cinco reclamacións xudiciais en vigor. A súa especialidade delituosa son os delitos contra o patrimonio e especialmente o roubo de vehículos. De 37 anos, o prófugo mide 1,74 metros, ten ollos escuros, a pel clara e tatuaxes no brazo dereito e a man esquerda. Está considerado moi perigoso.
Jose Manuel Canela Vázquez, de 50 anos, é coñecido como Ferramache e está considerado un dos capos da droga, concretamente do haxix, máis importantes da provincia de Huelva. Búscase desde o ano 2013 e ten ás súas costas un longo historial de condenas contra a saúde pública. O fuxido mide 1,73 metros, ten a pel branca, os ollos castaños e o pelo castaño e rapado, acusa unha marcada alopecia. É altamente perigoso e tendente á evasión grazas á súa complexión atlética.
Outro dos fuxitivos é Segundo Cousido Vieites, condenado en sentenza firme a unha pena de 32 anos de prisión por abusar de menores de idade utilizando a súa condición de profesor de relixión. De 42 anos, utilizou a súa situación de superioridade con numerosos menores a cargo para aproveitarse da súa confianza e abusar deles en 2019, na localidade pontevedresa de Cambados. Mide 1,80 metros, é de complexión grande, ten a pel branca e tanto os seus ollos como o seu pelo son de cor escura. Non presenta alto perigo pero si alto risco de evasión.
Nesta liña, Alberto Severo de Sousa Madureira, de 53 anos, é buscado desde marzo do pasado ano por un delito de homicidio. Existe en curso unha investigación por unha morte violenta, ao atoparse un corpo sen vida nun domicilio de Sant Sadurni d’Anoia, no alto Penedés. O fuxitivo é a parella do falecido e atópase fuxido. É de complexión delgada, pel branca, pelo castaño e ollos marróns. Tende á evasión.
Condenado a 15 anos de prisión por un delito de asasinato e a 1 ano de prisión por posesión ilícita de armas, tamén se atopa fuxido Jesús Heredia Iglesias. Xunto a outra persoa, terminou coa vida dun terceiro en 2009; atacárono cun coitelo e disparáronlle en reiteradas ocasións tras unha discusión nun local de Talavera de la Reina. De 46 anos, mide 1,64 metros e é altamente perigoso; pode portar armas de fogo ou armas brancas. Ten o pelo castaño ou louro, liso, a pel branca e os ollos azuis.
Jonathan Montoya Rendón ten 39 anos e é un perigoso sicario colombiano buscado por un delito de asasinato con aleivosía desde maio do ano pasado. O fuxitivo accedeu en 2009 ao Hospital 12 de Outubro de Madrid onde, en cooperación con outras persoas, terminou coa vida do capo colombiano Leónidas Vargas, que nese momento se atopaba hospitalizado. Mide 1,86 metros, ten a pel branca, complexión atlética e tanto os seus ollos como o seu pelo son de cor negra.
Buscado desde o ano 2020 por un delito contra a liberdade sexual atópase Álvaro Pasquin Moura, de 32 anos. O fuxitivo mide 1,70 metros, é de complexión delgada, moreno de pelo, pel branca e ollos negros. Chama a atención a gran cantidade de tatuaxes que ten en ambos os costados, pernas e antebrazos, e unha frase no peito na que se pode ler "a sorte está botada".
Así mesmo, reclámase desde agosto de 2023 a Domingos Manuel Pinto Coelho, de 51 anos, por delitos continuados contra a liberdade sexual, concretamente contra a súa filla, desde o ano 2010 ao 2018, cando era menor de idade. Mide 1,66 metros, de pel branca e pelo cano, ollos castaños e complexión atlética. Tende á evasión e ten antecedentes por delitos de similar natureza.
Baltasar Vilar Durán, alcumado Saro, quen está condenado a 45 anos de cárcere por delitos de tráfico de drogas, é outro dos buscados polas autoridades. A súa especialidade consiste na condución de planadoras e vincúlase co narcotráfico colombiano. Ten 67 anos, a pel branca, a cara alongada, os ollos azuis e o pelo de cor castaña e cano. Mide 1,71 metros e é de complexión delgada. Chama a atención o gran tamaño das súas orellas e a súa noz prominente. Caracterízase por unha especial capacidade evasiva grazas aos seus contactos.
Por último, a Policía pide colaboración cidadá para atopar a Marek Dawid Legiec, reclamado polas autoridades de Polonia por delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal, ao adquirir grandes cantidades de substancias estupefacientes. Ten 32 anos, é de complexión atlética, con ollos marróns, ten un lunar na tempa esquerda e tatuaxes nas pernas, pescozo e brazos, cun significativo no cóbado que representa unha tea de araña.