Publicador de contidos
Publicador de contidos

A proliferación de ouxas ameaza a ameixa na ría de Pontevedra

A proliferación de ouxas ameaza a ameixa na ría de Pontevedra

Esta especie de raia está protexida e non se pesca porque non ten valor comercial

Piden un plan de control para este depredador, sen inimigos naturais dentro da ría

G24.gal 12/08/2024 14:40

A ouxa ou aguia mariña leva anos ameazando o marisqueo na Arousa, e agora tamén preocupa en Pontevedra.

"Xa as vimos o ano pasado, pero este ano aumentou moitísimo, igual é pola temperatura da auga. Témolas nas praias de marisqueo a frote e tamén nas de marisqueo a pé", explica Miguel Prado, patrón do barco da lonxa de Campelo, en Poio.

A ameixa, sobre todo a babosa, e o berberecho son os seus alimentos favoritos. Despois dun ano nefasto para o sector, as confrarías de Pontevedra temen pola cría dos seus bancos.

"O que fai a raia é desenterrar o marisco, sobre todo o que non está moi fondo e accede así á ameixa. O problema é que nós, polo momento, temos moito sementado pero pouco que acadara o tamaño comercial", comenta Andrés Simón, técnico da lonxa de Campelo.

Controlar a ouxa é un reto dobre, porque como non se come non se pesca e ademais é unha especie protexida. Piden que a Administración apoie medidas para controlar ou desprazar este depredador que non ten inimigos no interior da ría.

"Cunha autorización especial que nos permitira poñer unha rede en determinados bancos, aínda que fora unha rede non comercial de tamaño maior. Que nos dean unha solución para controlar a poboación, non se trata de acabar con ela, pero si de ter un equilibrio", aclara o técnico.

Para o que si teñen un permiso especial é para o control de cangrexos verdes. Outro depredador da  ameixa que prolifera na ría.

"Tamén hai moita cantidade de cangrexo. Nunha zona que sementamos a semana pasada largamos as nasas e collemos 40 quilos nun día", engade o patrón do barco da lonxa de Campelo.

A idea e dar un respiro ás ameixas, que entre riadas, aguas cada vez máis quentes, algas e depredadores, non deixan de sumar ameazas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar