A redución dun 20 % das capturas de pescada afecta sobre todo a frota galega
A redución dun 20 % das capturas de pescada afecta sobre todo a frota galega
Farase notar especialmente nos portos de Celeiro e Burela
A repartición das cotas de pesca compartidas co Reino Unido non deixou boas noticias para a frota galega do Gran Sol, que o ano que vén disporá dun vinte por cento menos de pescada para capturar. Unha redución que vai ter unha forte repercusión económica nos portos de Celeiro e de Burela.
Reino Unido e a Unión Europea xestionan conxuntamente ata 65 especies. A segunda máis importante é a pescada, da que España pasa de ter unha cota de 27 millóns de quilos a 21 millóns, un 20 por cento menos, algo que vai afectar sobre todo a frota luguesa.
"A pescada é a principal especie que hai nas frotas galegas, con 100 millóns de euros ao ano de facturación ao ano, e un 85 por cento ten que ver coa pescada de Gran Sol e o outro 15 por cento coa pescada de litoral, polo tanto estamos falando que porcentualmente un impacto na pescada de Gran sol é moi importante na principal especie que temos en Galicia", di Sergio López. Xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo.
Desde o sector calculan que cada euro de pescada vendida en lonxa multiplícase por 3 na economía da zona, polo que a perda de cota se vai notar duramente.
"Temos que dicir que en liñas xerais hai un descenso das cotas globais para España do 14 por cento. Isto vai ter un impacto na economía galega moi forte, nós témolo calculado nuns 93 millóns de euros, dos que practicamente 36-37 serían directamente na facturación da nosa frota" sentenciou Rosa Quintana, Conselleira do Mar.
As excepcións relevantes para a frota galega son o peixe sapo, que aumenta a súa cota un 8 por cento, e o rapante ou meiga, que aumenta un 7 por cento. Sapo e rapante son propios dos arrastreiros, a súa maioría de Vigo.