Publicador de contidos
Publicador de contidos

A réplica da nave Victoria de Magallanes xa pode ser visitada de balde en Sanxenxo

A réplica da nave Victoria de Magallanes xa pode ser visitada de balde en Sanxenxo

G24.gal 06/05/2023 21:37 Última actualización 06/05/2023 22:08

A réplica da nave Victoria, que hai máis de cincocentos anos deu a primeira volta ao mundo, está en Sanxenxo e pode ser visitada gratuitamente ata mañá. Portos de Galicia e Puertos de Andalucía colaboran neste proxecto de divulgación da historia dos descubrimentos e da náutica deportiva.

Tres anos tardou un navío exactamente igual ca este, entre 1519 e 1522 en facer a maior fazaña marítima, dar a primeira volta ao mundo. Os visitantes aprenden entrando á nova Victoria que á cana ía Magallanes, ata que morreu, e Juan Sebastián Elcano despois. Dos máis de 240 aventureiros en cinco naves só sobreviviron dezaoito, dous eran galegos, e dos cinco barcos só este. 

"Descobren o paso que crían que non existía, o de Magallanes, algunhas embarcacións afúndense polos temporais. Chegan ás illas Molucas, morre Magallanes atravesado por unha lanza, queiman unha embarcación por falta de tripulación e a nave Victoria continúa soa pola costa de África ata Sevilla", conta a TVG Alejandro José Fernández, mariñeiro voluntario na nova Victoria. 

"Navegar nesta embarcación pon os pelos de punta ao dicir este é o barco que deu a primeira volta ao mundo, esta é unha fazaña totalmente incrible que se compara coa chegada do home á lúa", matiza Alejandro Fernández, mariñeiro voluntario na nave Victoria.      
 

Esta réplica, que se construíu para a Expo de Sevilla de 1992, é de piñeiro e carballo, como a nave Victoria orixinal. O mundo era o que é hoxe pero a navegación era menos doada, máis mortal e sen sistemas de posicionamento global. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade