Publicador de contidos
Publicador de contidos

A suba dos tipos de xuro do BCE podería encarecer a hipoteca media nuns 55 euros ao mes

A suba dos tipos de xuro do BCE podería encarecer a hipoteca media nuns 55 euros ao mes

Sumándolle a suba de agosto, as hipotecas poderían aumentar nuns 170 euros mensuais

Para as hipotecas novas recoméndase pedir un tipo fixo, porque os intereses seguirán subindo

G24.gal 08/09/2022 21:47 Última actualización 08/09/2022 22:28

Manteñen os expertos que o acordo do Banco Central Europeo de subir os tipos de xuro era unha decisión agardada.

"É unha reacción que esperabamos desde hai varios meses e que para min é un pouco tardía para intentar frear a inflación", opina o profesor de Economía especializado en mercados financeiros da Universidade da Coruña Carlos Estévez.

A suba de 75 puntos básicos acordada este xoves sitúa os tipos de xuro no 1,25 %. O Banco Central sobe así o prezo dos cartos que presta ás entidades financeiras, que, á súa vez, elevarán os tipos que aplican aos seus clientes.

A primeira consecuencia para os petos das familias será o encarecemento das hipotecas.

"Para a xente que ten unha hipoteca media de 150.000 euros, que significa se lle soben un 0,75 %? Pois a 25 anos serían máis ou menos uns 54 euros ao mes", calcula o profesor Carlos Estévez

Desde a Asociación de consumidores e usuarios de banca, caixas de aforro e seguros Adicae-Galicia, a técnica de consumo Nerea Rivero cree que esa suba de 50 euros podería ser superior xa que dependería de "canto se pida de hipoteca e de cando se pedise esa hipoteca, xa que normalmente no sistema de amortización francés nos primeiros anos páganse máis intereses". 

A esta previsible suba do euríbor habería que sumar o incremento que este indicador xa experimentou no mes de agosto e que provocou un encarecemento das hipotecas de 120 euros ao mes. 

Deste xeito, para quen teña prevista a revisión da súa hipoteca a partir de agora a suba total podería alcanzar os 170 euros ao mes (para unha hipoteca media de 150.000 euros a 25 anos).

Adicae Galicia recomenda ás familias estudar as diferentes ofertas que hai no mercado hipotecario.

"Ou ben facer unha anovación co seu banco, é dicir, revisar as condicións; nalgúns casos cambiar o tipo de xuro de variable a fixo ou, se non, mirar noutras entidades e facer unha subrogación hipotecaria", explica Nerea Rivero.

En caso de que se solicite unha nova hipoteca, o profesor de Economía da Universidade da Coruña Carlos Estévez aconsella "pedir unha hipoteca a tipo fixo, porque é posible que o BCE siga a subir os tipos de xuro". Sostén o profesor Estévez que os efectos desta suba na inflación non serán inmediatos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade