A tranquilidade marca as primeiras semanas de vixilancia dos gardas nos camiños a Santiago
A tranquilidade marca as primeiras semanas de vixilancia dos gardas nos camiños a Santiago
Patrullas a cabalo e oficinas móbiles da Garda Civil están despregadas nas catro provincias galegas
Sen incidencias relevantes. Son as palabras que resumen as primeiras semanas deste verán no servizo dos gardas que vixían en Galicia os camiños a Compostela.
O garda civil Alberto está destinado nunha das catro oficinas móbiles e di: "Sobre todo, acoden pola perda de documentación. Tamén lles gusta selar a súa cartilla de peregrinación para quedar cun recordo da Garda Civil que pon atención ao peregrino".
No logro da seguridade é fundamental o traballo das patrullas a cabalo, como a que forman Miguel e Jesús, que nos conta como vai esta tempada.
"Bastante tranquila de momento, agás algún auxilio sanitario ou informativo. A verdade é que polo de agora o Camiño vai moi tranquilo", di Jesús.
E así o percibe tamén o groso de peregrinos e peregrinas.
"Creo que é bastante seguro, ademais vou moi ben acompañada, porque fixemos un bo grupiño e estamos a divertirnos moito".
"Non hai ningún problema e cada dúas por tres vese policía ou, como agora, Garda Civil. O Camiño está moi tranquilo".
Na despregadura de vixilancia nos camiños a Santiago participan, un verán máis, policías de Portugal, Francia, O Brasil e Italia. Hugo Morais, integrante da GNR, amósase moi satisfeito por este cometido:
"Moi bo, moi, moi bo. É moi gratificante axudar os peregrinos na súa longa camiñada. É moi gratificante para nós".
Estas oficinas móbiles levaron a cabo o ano pasado máis de 6.000 servizos, entre eles 193 auxilios e rescates.