Os superviventes galegos do Argos Georgia chegan a Santiago este domingo
Os superviventes galegos do Argos Georgia chegan a Santiago este domingo
Tras prestar declaración, viaxan nun avión fretado por Defensa dende as illas Malvinas
Os corpos dos dous galegos falecidos no naufraxio serán trasladados ao Reino Unido
Os seis sobreviventes españois do Argos Georgia viaxan de volta a casa despois de prestar declaración este venres. Porén, os corpos dos dous galegos falecidos no naufraxio serán trasladados ao Reino Unido.
O avión militar fretado polo Ministerio de Defensa para encargarse da repatriación xa partiu das illas Malvinas. Agárdase que os catro tripulantes galegos que sobreviviron á traxedia cheguen a Santiago a primeira hora da tarde do domingo.
Son José Saborido (capitán), Ramón Hombre, Ramón García e Francisco Gondar, tres de Ribeira e un de Pontevedra. Os dous observadores científicos que ían no buque, Amparo Burguillos, de Socovos (Albacete), e Pere Hernández (Barcelona) viaxarán ata Madrid.
Os corpos dos falecidos, César Acevedo, veciño de Vigo e patrón de pesca do barco, e Santiago Leyenda, de Baiona e cociñeiro principal da embarcación, serán trasladados a Oxfordshire (Inglaterra), para as autopsias, cumprindo cos protocolos esixidos polas autoridades británicas.
Operativo de busca
En canto aos catro desaparecidos, mantense o operativo de busca e rescate cun buque, un pesqueiro e un avión. Dous son galegos: Juan Antonio García Rey, Pichón, cambio de máquinas, de Ribeira, e Antonio Barreiro, de Noia.
O buque pesqueiro, no que ían 27 persoas -10 españois, 8 rusos, 5 indonesios, 2 uruguaios e 2 peruanos-, naufragou o luns e deixou un balance de nove mortos e catorce sobreviventes.