A Xunta promete novas axudas ao sector marisqueiro para o mes de xuño
A Xunta promete novas axudas ao sector marisqueiro para o mes de xuño
Convocaranse tres liñas de axudas para asociacións, para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros e para restaurar a biodiversidade
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuniuse novamente cos presidentes das federacións das confrarías e comprometeu que ao longo do próximo mes de xuño a Xunta publicará varias ordes de axuda en apoio do sector marisqueiro.
Segundo avanzou, convocaranse tres liñas de axudas en apoio á actividade marisqueira.
Por unha banda, haberá unha orde dirixida a apoiar proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sostible dos recursos mariños.
Doutra banda, está previsto publicar outra orde destinada a financiar proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sostibles.
Por último, tamén se publicará a resolución da concesión directa de axudas de carácter extraordinario ás entidades asociativas do sector pesqueiro destinadas a garantir a súa sustentabilidade.
Ademais, este martes terá lugar o primeiro encontro da Mesa de Traballo do Marisqueo na que participarán persoal técnico dos departamentos territoriais, dos servizos centrais e dos centros de investigación dependentes da Consellería do Mar co obxectivo de identificar as liñas de traballo ao redor de áreas de interese específicas nas que afondar para elaborar propostas concretas que se poidan materializar en resposta aos desafíos actuais do sector marisqueiro galego.