Acompañamos os ollos no aire da Garda Civil para coñecer de preto como traballan
Acompañamos os ollos no aire da Garda Civil para coñecer de preto como traballan
A Unidade Aérea apoia as de terra para mellorar a súa capacidade operativa
Son axentes especializados na vixilancia do espazo aéreo. A Televisión de Galicia acompañounos nun servizo. Desde as ventás do helicóptero vese o dispositivo de control que a Unidade de Tráfico e a de Seguridade Cidadá montou na AP-9, no termo municipal de Miño.
"Deste xeito, axudásmolles a identificar se hai algún vehículo que realizou algunha manobra sospeitosa ou, en caso de que alguén quixese fuxir, nós podemos perseguilos e sinalar ao axente que está en terra a localización exacta da persoa que escapou", explica Sergio González, xefe da Unidade Aérea da Coruña.
A súa misión, desde o aire, é apoiar as distintas unidades que a Garda Civil ten en terra distribuídas por toda Galicia.
"Os servizos máis habituais adoitan ser de prevención de incendios, sobre todo nesta época do verán. Pero tamén apoiamos o servizo marítimo, seguridade cidadá, o servizo de montaña e o de natureza. Ademais, se xorde un servizo imprevisto, como pode ser a busca dun desaparecido, tamén saímos a voar", engade o xefe da Unidade Aérea.
A Unidade Aérea da Garda Civil, na Coruña, acaba de cumprir as súas vodas de prata. Vinte e cinco anos de servizo e millóns de quilómetros percorridos chegando a onde por terra é imposible acceder.
"É destacable cando se produce un desaparecido e, tras días na súa procura, o atopamos con vida. Iso é algo moi satisfactorio. Ao final somos unha unidade de servizo ao cidadán e non podes evitar empatizar coa xente, e cando atopas a alguén... é moi satisfactorio", di Sergio González.
Deste xeito, a Garda Civil mellora a súa capacidade operativa para velar pola seguridade tamén desde o aire.