Adeus outono, o inverno chega ás 04:27 da madrugada
Adeus outono, o inverno chega ás 04:27 da madrugada
O inverno chega cunha influencia anticiclónica sobre Galicia
Achégase o final de 2023, e con el o último cambio de estación do ano. O solsticio de inverno terá lugar ás 4:27 da madrugada. A esa hora, despedimos un outono que bateu marcas por cálido e chuvioso.
O inverno chega cunha influencia anticiclónica sobre Galicia, con brétemas matinais en zonas de interior, ceo pouco cuberto ou despexado e temperaturas propias desta época.
Ana Lage, meteoróloga de Meteogalicia explica que "esta vai ser unha característica que se vai repetir tamén durante os seguintes días, todo o que queda desta semana e mesmo o día de Nadal. Esta vindeira noite e a seguinte van baixar as mínimas e podería haber algunha xeada en zonas do interior".
Na costa, o inverno chega con aviso amarelo por mar de fondo no litoral norte, ata mañá á medianoite. O inverno durará ata o 20 de marzo, 88 días e 23 horas.