Alerta por unha vaga de roubos en locais dos Tilos, no concello de Teo
Nas últimas semanas houbo catro asaltos e varios intentos en bares, tendas e locais da urbanización
No Club Os Tilos entraron tres veces e subtraeron 650 euros da caixa rexistradora
Tres asaltos no último mes e medio. A cafetería do Club Os Tilos levou a peor parte da vaga de roubos que ten en alerta os veciños da urbanización. Os ladróns forzaron a mesma fiestra nas tres ocasións e foron directos á caixa.
"A primeira vez colleunos de sorpresa e levaron 450 euros da caixa, a segunda levaron uns 200, o mínimo de apertura, e na última como non había cartos arrincaron a caixa coa impresora dos tíckets", explica Ana Suárez, cociñeira da cafetería.
A poucos metros do club, o centro comercial tamén recibiu a visita dos cacos.
"Forzaron a porta e romperon os cristais da porta lateral. No meu bar forzaron a persiana pero non deron entrado. Na mercería si entraron e levaron produtos e cartos. Eu antes non tiña medo de pechar tarde o bar, agora si, hai pouca luz e xente que ven ao parque de noite", di Yohani Márquez, da Cafetería Piccolo.
Nos baixos do complexo parroquial forzaron a porta da escola infantil e unha fiestra da asociación ArcosTilos. Sospeitan que a intención era entrar á igrexa polas súas aulas. Non o lograron, pero deixaron estragos e sensación de inseguridade entre os veciños.
"Queremos máis control da seguridade sobre todo polas noites, a policía local de Teo non ten quenda de noite e nos gustaría que pasaran de cando en vez. Especialmente con isto que está a pasar, con tantos roubos e intentos nun mes na mesma zona", comenta Tatiana Santos, unha das coordinadoras da asociación ArcosTilos.
Ante a petición da asociación de veciños, a Garda Civil do Milladoiro comprometeuse a reforzar a vixilancia. Tamén o fixo a Policía Local, na medida das súas posibilidades. A intención é disuadir os ladróns e que a vaga de roubos non siga sumando novas vítimas.