Alertan da presenza dunha pantera nunha parroquia de Pantón
Alertan da presenza dunha pantera nunha parroquia de Pantón
Veciños de Castillón avistaron en varias ocasións este animal exótico
Os axentes de Medio Ambiente non atoparon rastro ningún dun gran felino
Ata en dúas ocasións, os veciños da parroquia de Castillón, en Pantón, alertaron a Consellería de Medio Ambiente da presenza dunha pantera. A primeira vez foi o ano pasado, e de novo este mesmo outono.
Nos dous casos foi enviado á zona un axente, que durante días tratou, en van, de dar con algún tipo de rastro dun gran felino. A última vez, supostamente, foi avistado nun prado do lugar de Galegos, cuxa dona mesmo viu pegadas dun animal de grandes dimensións que non identificou.
Mari Luz Varela, dona do prado: "Eu ía polas vacas e vin unhas pasadas grandes, que non sei de que bicho eran. Despois, o touro non mo tocou para nada nin un becerro acabado de nacer que estivo aí".
Cesáreo Rodríguez, encargado de Medio Rural do Concello de Pantón: "A este prado vin cun axente de Medio Ambiente. Estivemos con dous veciños e un deles dixo que si que a vira e que marchara amodo. Os técnicos seguiron vixiando durante días, pero non avistaron nada".
Malia ser presuntamente avistada en varias ocasións, tampouco foi captada imaxe ningunha que acredite a presenza dunha pantera. Segundo sinalan as autoridades, de existir realmente, todo apuntaría a un caso de tráfico de animais exóticos.
Cesáreo Rodríguez, encargado de Medio Rural do Concello de Pantón: "A única lóxica que ten é se alguén trouxo un animal exótico, pero non lle vexo xeito. Eu, verdadeiramente, non o creo".
Tampouco se descarta que realmente se tratase doutro animal grande, máis común e tamén de cor negra, como pode ser un can ou mesmo un gato. En calquera caso, o certo é que o misterio da pantera de Pantón segue sen resolverse.