Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncian ameazas dun mariscador a un garda rural na Illa de Arousa

Denuncian ameazas dun mariscador a un garda rural na Illa de Arousa

O axente chamáralle a atención por mariscar na zona reservada para as mariscadoras a pé

A embarcación traballaba na zona da ponte a Illa de Arousa reservada ás mariscadoras
G24.gal 22/12/2021 13:55

Coa chegada do Nadal, os prezos do marisco soben e con eles as artimañas que empregan algúns para gañar rápido os cartos. Neste caso os vixilantes denunciaron un mariscador da Confraría da Illa. Estaba a coller ameixa dende a embarcación na zona das mariscadoras de a pé, que para eles está restrinxida. Ao ser advertido da súa infracción, ameazou de morte un garda rural.

O axente vixiaba como todos os días os mariñeiros mariscando preto da praia do Bao, na zona da ponte da Illa de Arousa. Dirixiuse á tripulación, pai e fillo, para informalos de que se enfrontaban a unha sanción administrativa e para pedirlles que se fosen do lugar. Ao recibir a advertencia, un dos tripulantes insultou e ameazou de morte o vixilante, segundo consta na denuncia.

"Chamámoslle a atención, este señor comezou a increpar, a insultar e a dicirme que ía queimarme o coche comigo dentro. Os feitos puxéronse en coñecemento da Garda Civil de Vilagarcía e púxose unha denuncia administrativa e outra no xulgado. Nós estamos aquí para mirar polo ben de todos e non imos consentir que ningún profesional que vive do marisqueo e que faga este tipo de accións non o imos permitir", di José Patón Rial, o garda rural ameazado. 

Os vixilantes din que o furtivismo na zona está moi controlado e que xa non é habitual que se produzan enfrontamentos cos gardas rurais. Aseguran que é froito do traballo de moitos anos e tamén do apoio que reciben da Garda Civil de Vilagarcía.

"Esta persoa non é un furtivo, pero cando estaba facendo si que é furtivismo. É un furtivo máis estaba nunha zona onde non pode mariscar porque é das mariscadoras, elas tamén teñen que vivir e non poden facer o que queren facer", asegura Rial.

Agora todo está en mans do xulgado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade