Ferida grave unha muller nunha explosión na súa vivenda da Illa de Arousa
Ferida grave unha muller nunha explosión na súa vivenda da Illa de Arousa
O seu fillo menor de idade saíu ileso
Un escape de gas foi a causa máis probable do sinistro
Unha muller resultou ferida de gravidade onte na Illa de Arousa nunha violenta explosión no interior da súa vivenda provocada moi probablemente por un escape de gas na caldeira.
A muller, de 43 anos, atopábase na cociña da súa casa cando, por causas que aínda se están a investigar, unha potente deflagración levou por diante portas e ventás, afectando tamén a algunha outra casa e a un coche estacionado fóra.
O fillo da muller, que está hospitalizada na Coruña, saíu ileso, aínda que moi afectado polo sucedido. O menor está agora atendido por familiares, mentres o resto de veciños da contorna tratan de recuperar a normalidade tras o susto e a conmoción que supuxo a explosión e as súas consecuencias.
Os veciños que chamaron a emerxencias din que a ambulancia tardou bastante tempo en chegar ao lugar ao que tamén acudiron Bombeiros de Vilagarcía, Policía Local e Garda Civil que segue a investigar a orixe da explosión.
O último parte médico desta mesma mañá confirma a gravidade das queimaduras de terceiro grao das que se recupera a muller na unidade de queimados do CHUAC da Coruña. Aféctanlle sobre todos ás extremidades inferiores.