Publicador de contidos
Publicador de contidos

Amelia Pérez: "Os datos demostran que subir o salario mínimo non destrúe emprego"

Amelia Pérez: "Os datos demostran que subir o salario mínimo non destrúe emprego"

A secretaria xeral de CCOO Galicia considera que neste 2024 van continuar "os bos datos" do mercado laboral

Cre que hai aspectos do subsidio do paro que "hai que retocar" e avoga por facelo cun "pacto dentro do diálogo social tripartito"

G24.gal 15/01/2024 10:12

A secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez, valora de xeito positivo a suba dun 5 % do salario mínimo interprofesional (SMI) ata os 1.134 euros ao mes por catorce pagas, que vai beneficiar 127.000 persoas na comunidade galega. Amelia Pérez sinala que "moitas desas persoas teñen un convenio de mínimos cun perfil con cara de muller, como dicimos nós, e xente nova. Congratulámonos por ese incremento".

Considera "un mantra" da patronal que se diga que a suba do salario mínimo pode supoñer un freo á creación de emprego.

Amelia Pérez explica que "ao final os datos colocan a cada quen no seu sitio, e os datos de emprego destes últimos meses e deste último ano e pico son bos, incluso datos bos de afiliación á Seguridade Social. Polo tanto, esas aseveracións de que se vai destruír emprego non son certas. Por outra banda, hai que ter en conta que falamos de persoas, que teñen dereito a ter unhas condicións dignas laborais e salariais por ter un contrato de traballo".

De cara a este 2024, a secretaria xeral de CCOO Galicia estima que neste exercicio "van seguir os datos bos de emprego, pero tamén diría que coa situación de incerteza que levamos nos últimos anos, cunha pandemia e coa guerra de Ucraína e o que está acontecendo en Gaza, e toda a situación no mar Vermello, veremos como se vai desenvolvendo" o mercado laboral.

Ratifica que "é evidente que hai empresas que están pasando por unha situación delicada, pero, en termos xerais, cremos que si van seguir dándose estes datos de emprego".

Amelia Pérez tamén se referiu ás negociacións que o Goberno e os axentes sociais prevén iniciar esta semana sobre reforma do subsidio por desemprego despois de que fora rexeitada no Congreso cos votos de Podemos, PP e Vox.

A secretaria xeral de CCOO Galicia afirma que os sindicatos levarán á negociación "varias cuestións que hai enriba da mesa como a dos traballadores a tempo parcial, que moitas veces non se teñen en conta, e que se ven penalizados nesa prestación de desemprego. Despois habería que falar na porcentaxe de prestación, que é verdade que vai ter un incremento, pero inicialmente nós traballabamos con outras porcentaxes un pouco máis altas, e está tamén o tema desa famosa cotización para maiores de 52 anos porque o ministerio falaba dun período transitorio".

Neste senso, considera que "en liñas xerais, é evidente que tiña luces pero hai algunhas cuestións que hai que retocar. Pero o máis importante é que un aspecto tan importante como o subsidio de desemprego, tería que abordarse no ámbito do diálogo social tripartito".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade