Amplían o radio de busca do home desaparecido en Boborás
Amplían o radio de busca do home desaparecido en Boborás
Este é o cuarto día que falta da casa, desde que o venres saíu cara ao monte por unha pista
Varias patrullas da Garda Civil e veciños voluntarios buscan a Marcial nos montes da parroquia do Regueiro. Xa leva tres días fóra e atopalo con vida cada vez é máis difícil. As noites son frías, esta mañá ás nove o termómetro marcaba dous graos baixo cero.
Tamén están buscando o desaparecido de 86 anos membros de Protección Civil, dous drons e un can de rastrexo. Parte dos efectivos repasan a zona onde Marcial adoitaba pasear. Outros ampliaron a distancia a uns dez quilómetros da parroquia do Regueiro.
"Agora mesmo estamos abrindo o radio da busca mirando camiños, devasas... en distancias de cinco ou dez quilómetros, pensando en que puidera botar a camiñar e que estea máis lonxe do que pensamos", asegura o tenente da Garda Civil que coordina o operativo.
Hai axudas de moitos colectivos. Xa están revisadas as palleiras, alboios e cortes, por se buscou acubillo pola noite. O monte non está moi pechado de árbores, pero aínda presenta atrancos.
"A maioría é monte bastante aberto, pero si que hai toxeiras e xesteiras é onde se complica a zona. Puido ter un accidente e caer no medio do monte e os toxos e os felgos axiña cobren unha persoa. Ese é o atranco máis grande que temos", afirma o tenente.
Marcial, que ten alzhéimer, saíu da súa casa cunha vara na man cara ao monte, por unha pista. O 112 tivo coñecemento da desaparición ás dez da noite do venres, por unha chamada dos voluntarios de Protección Civil, que indicaron que o home fora visto por última vez ás cinco da tarde. Estaban preocupados polas baixas temperaturas das últimas noites, que caeron por baixo dous cero graos.