Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana Pontón: "A Xunta ten que reverter a política de recortes en sanidade"

Ana Pontón: "A Xunta ten que reverter a política de recortes en sanidade"

A voceira do BNG critica o ditame do Tribunal Supremo sobre a prórroga de Ence na ría de Pontevedra

"Temos a convicción de que seremos a forza política que máis suba nas vindeiras eleccións municipais"

G24.gal 14/02/2023 08:45 Última actualización 14/02/2023 14:51

A voceira do BNG, Ana Pontón, insistiu este martes na necesaria reforma da sanidade pública nunha entrevista no Bos días da TVG. Remitíndose á manifestación a prol da sanidade pública do pasado domingo, Pontón dixo que foi unha demostración de que "outra política de saúde é posible".

Reclamoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "rectifique a súa política" e recordoulle que a maioría das competencias de Sanidade recaen na Administración autonómica.

"Estamos vendo que os recortes teñen consecuencias na atención primaria, porque durante os últimos 14 anos recortáronse máis de 2.300 millóns de euros, o que se recorta é en saúde. Cantos médicos e enfermeiras se poderían contratar con eses cartos? Isto é unha voadura programada da sanidade pública", argumentou Ana Pontón.

A voceira do BNG reclamou máis investimento na sanidade pública porque "se necesitan máis recursos", xa que, segundo di, "investimos a metade do que recomenda a OMS". Tamén lle botou en cara ao PP que se acorde agora de que fan falla médicos e persoal sanitario cando segundo o BNG, "as decisións políticas teñen moito que ver e o PP leva 14 anos minguando a sanidade pública".

Respecto ao problema dos MIR explicou que o 50 % dese colectivo non queren traballar na Atención Primaria pola continua precariedade e apostou por "reverter a situación para facer esas prazas atractivas e evitar a fuga de médicos cara a outros países". 

Falta de médicos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo referencia hoxe tamén á situación da sanidade en todo o territorio, admitindo que existen problemas sanitarios e expresando o seu "respecto" ás persoas que acudiron á manifestación de Santiago e a outras ocorridas en España.

Rueda reivindicou o "grao superlativo" da sanidade en Galicia apostilando que estas manifestacións teñen unha certa "politización" porque entende que se dan só onde goberna o Partido Popular.

O presidente da Xunta volveu a insistir en que o problema é "que non hai médicos suficientes" en ningún dos territorios, polo que insistiu na súa reclamación ao Goberno central de que convoque máis prazas MIR.

Rueda acusou o Ministerio de Sanidade de facer de "tertuliano" dos problemas sanitarios en España cando o Goberno de Pedro Sánchez ten unhas competencias normativas, aínda que moita parte estea transferida ás comunidades.

Prórroga de Ence en Pontevedra

Sobre o ditame do Tribunal Supremo a favor da validez da prórroga da concesión de Costas da factoría de Ence en Pontevedra ata o 2073, Ana Pontón foi rotunda na súa valoración

"Non entendemos por que unha empresa pode pasar por riba do sentir da maior parte da cidadanía pontevedresa e tamén por riba da Lei de Costas. Pontevedra ten dereito, como o resto das cidades europeas, a quitar as industrias contaminantes da ría, facendo unha cidade máis sustentable e potenciando outro tecido económico", explicou a voceira do BNG.

Respecto ao argumento da perda de postos de traballo, Ana Pontón lembrou que iso non se contempla porque o que se pide é simplemente un traslado de localización da factoría.

Eleccións municipais

Respecto ás eleccións municipais, Ana Pontón dixo que o BNG quere abrir un tempo novo e unha alternativa. Galicia ten unha forte caída do IPC e hai menos xente traballando, o que achaca ao proxecto do PP, que segundo di "fai que este país se vaia quedando atrás".

"O BNG quere abrir un tempo novo para evitar a caída da poboación e os recortes da sanidade pública, e temos a convicción que seremos a forza política que máis suba nas vindeiras eleccións municipais", comentou Ana Pontón. 

Lei do 'só si é si'

A lei do 'só si é si' tamén foi obxecto de valoración por parte da voceira nacional do BNG. Ana Pontón recordou que esta norma naceu tras a "vergoñenta sentenza da Manada" e que "non podemos facer que o Código Penal retroceda a ese punto".

"Nós estamos do lado da muller e da súa protección. Pedimos que non se toque o consentimento, e que PSOE e Unidas Podemos senten a negociar para chegar a un acordo", puntualizou Pontón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade