Ao cárcere por roubar en sete autolavanderías de Ourense
Ao cárcere por roubar en sete autolavanderías de Ourense
Un policía nacional de Ourense pilla na allada un ladrón nunha autolavandería
Impútanlle sete roubos en establecementos deste tipo por toda a cidade
O ladrón actuaba a plena luz do día, sempre pendente da porta de entrada, tal como recolleron as imaxes gravadas polas cámaras de seguridade. Cunha barra de ferro tentaba subtraer os cartos das máquinas de lavado.
Entrou en sete lavanderías de autoservizo da cidade de Ourense, en catro delas logrouse facer co botín da caixa de cambios, segundo confirma a policía nacional de Ourense. Nas outras non logrou levar nada, pero ocasionou importantes danos. O representante de Lava Blue en Ourense calcula que os estragos que ocasionou superan os 4.000 euros.
A policía levaba días á procura do ladrón. Localizouno un axente de paisano, seguiuno e pillouno coas mans na masa no interior dunha destas lavanderías.
Os donos deste tipo de establecementos, acostumados xa aos roubos, ademais das cámaras de seguridade 24 horas, contan con portas blindadas para evitar a entrada dos ladróns a parte de atrás das máquinas.
O detido logrou apoderarse en total de pouco máis de dous mil euros. Ten numerosos antecedentes e xa prestou declaración ante o xuíz que decretou o seu ingreso en prisión.