Aparece esnaquizado o radar de Conxo, en Santiago, un dos que máis multa
Aparece esnaquizado o radar de Conxo, en Santiago, un dos que máis multa
O dispositivo atópase no periférico da capital galega
O autor do suceso aproveitou a noite e serviuse dun martelo para golpear o cristal
Os cidadáns levan tres anos dicindo que o radar situado no periférico de Conxo, nunha limitación de velocidade repentina, non está na mellor localización.
"Ten unha saída bastante mal, porque colles o de 50 e de repente xa tes o de 70".
"Eu véxoo un pouco innecesario, a verdade, porque tampouco é un sitio con casas, nin nada".
"Se é un sitio que eu non coñezo, pois caería porque non ten moito sentido".
Dende que foi instalado, en xullo de hai tres anos, provocou moitas protestas porque os veciños viron un afán recadatorio máis que disuasorio por parte do Concello.
"Sei que está aí, entón procuro pasar un pouco máis amodo, pero si que sei que hai moitísimas multas, hai moitas protestas, xente que descoida un pouquiño, que pisas un pouco de máis e xa... si que é un pouco a pillar".
É o radar que atrapa máis infractores de todo Santiago, polo que esta mañá moita xente non se sorprendeu de que aparecera esachado.
"A verdade é que a xente si que estaba moi descontenta, había moitas críticas nas redes sociais, polo que era algo predicible, eu creo, que ía ser vítima de algo".
Todo leva a pensar que os impactos que recibiu o aparello ao redor das dúas da madrugada foron provocados a propósito por algún anoxado. Serviuse dun martelo.
"Paréceme unha mala falcatruada".
"É patrimonio de todos, non?, pero eu penso que tamén moitas veces os radares están para recadar máis que para axudarnos".
Malia que co radar de Conxo este é o sentir xeral, sempre hai quen fai outra lectura.
"Se pasas á velocidade que tes que pasar, o radar non te colle, haxa onde haxa, entón a min non me parece mal".
Os danos efectuados no aparello limítanse ao cristal exterior, polo que o radar segue operativo. A Policía Local está investigando o suceso coa axuda das cámaras de Tráfico que hai na zona para tratar de identificar o responsable dos estragos.
Un dos que máis multa na comarca de Santiago
O radar de Conxo achegou, en só dez semanas, o 39 % das multas de tráfico do 2020 en Santiago A pesar das limitacións á mobilidade, o 2020 concluíu con 41.624 sancións.
O radar empezou a funcionar en xullo do 2020 nun tramo limitado a 50 quilómetros por hora e nos tres primeiros meses sancionou 17.000 condutores, a maioría dos cales ían a máis de 70 quilómetros por hora.
A cifra foi diminuíndo a medida que os condutores se afixeron á súa presenza.