Aparece morto o padrasto dun menor desaparecido en Paradela logo de que a nai se suicidase hai días
Aparece morto o padrasto dun menor desaparecido en Paradela logo de que a nai se suicidase hai días
O rapaz, de 15 anos, falta da casa desde hai unha semana
A nai foi atopada morta na casa cando axentes da Garda Civil foron preguntar polo fillo ao non asistir a clase
O padrasto foi localizado este luns morto, aparentemente por suicidio
O caso do menor desaparecido en Paradela hai unha semana deu este luns un novo xiro dramático.
A comandancia de Lugo da Garda Civil confirmou que o padrasto do cativo tamén apareceu morto no domicilio familiar e que a causa foi un suicidio. O pasado venres era a nai do menor, de Colin, que así se chama o rapaz, a que aparecía morta tamén por un suicidio.
O pai do adolescente segue nos Países Baixos, non se desprazou a Galicia e, polo tanto, non se puido presentar denuncia por desaparición. Con todo, colectivos veciñais de Paradela fan un chamamento para que se intensifique a busca do menor ata dar co seu paradoiro.
Segundo fontes próximas á investigación, tanto no caso da nai, de nacionalidade holandesa, como do padrasto, ambas as mortes son por suicidio.
A muller foi achada no seu domicilio, situado na parroquia de Ferreiros, o pasado venres, cando axentes da Garda Civil e persoal dos servizos municipais foron á casa para preguntar polo menor, xa que non acudira á clase desde o luns.
A parella da muller, que tampouco se atopaba no domicilio na xornada do venres, foi localizada máis tarde. Este luns, axentes da Garda Civil regresaron á vivenda e atopáronse co cadáver do home.
Os primeiros indicios tamén apuntan ao suicidio como causa da morte do padrasto do menor, que permanece en paradoiro descoñecido.