Investigan a aparición de seis xabarís mortos nun terreo en Xermade
Investigan a aparición de seis xabarís mortos nun terreo en Xermade
O furtivismo podería estar detrás deste achado
Medio Ambiente investiga as causas da súa morte
Os axentes de Medio Ambiente localizaron nun terreo do Souto, na parroquia xermadesa de Miraz, seis cadáveres de xabaril. Tratábase dunha femia e de cinco crías, que estaban ocultas nun terreo.
Deste estraño achado, tanto os veciños coma os cazadores manifestaron o seu total descoñecemento. De feito, barállase a posibilidade de que a morte deses animais fose accidental, aínda que non se descarta o furtivismo.
Para retirar os cadáveres, foi precisa a colaboración dunha brigada forestal. Posteriormente, os porcos bravos foron trasladados ao hospital veterinario universitario Rof Codina de Lugo, para practicarlles a necropsia e determinar as causas da súa morte.
Se se confirma que o acontecido foi froito do furtivismo, podería ser constitutivo dun delito contra a fauna silvestre.