Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arde un camión na autovía A-6

Arde un camión na autovía A-6

Ocorreu arredor das seis e media da mañá, e o condutor, que saíu ileso, foi un dos que alertou o 112 

O camión carrexaba mercancías perigosas e o intenso fume obrigou a desviar o tráfico

G24.gal 24/02/2023 09:56

A primeira hora desta mañá ardeu por completo un camión na A-6 á altura de Betanzos. A virulencia das lapas, o fume e que o vehículo transportaba mercancías perigosas obrigaron a cortar os dous carrís. Afortunadamente non houbo que lamentar feridos.  

Pouco tempo precisaron as lapas para calcinar por completo o camión. Aínda que se descoñecen polo de agora as causas que provocaron o incendio, parece ser que o vehículo transportaba mercancías perigosas de aí que as chamas se propagasen tan rápido.

A chamada de varios particulares arredor das seis e media da mañá, entre eles o propio condutor do camión, alertaron o 112 do incendio. O vehículo que circulaba pola A-6, ao seu paso por Requián, Betanzos, en concreto no punto quilométrico 566, comezou a arder sorpendendo os condutores que ían dirección á Coruña. 

O transportista do camión, que saíu ileso, confirmara ao servizo de emerxencias que carrexaba produtos diversos, entre eles botes de pintura. Parte desa carga, así como o combustible, derramouse na vía como consecuencia do lume. Por iso, ata o lugar desprazáronse amais dos Bombeiros de Betanzos, a Garda Civil, a Policía Autonómica, o Distrito Forestal da zona, Protección Civil e o servizo de mantemento da estrada.

A virulencia das lapas e o intenso fume obrigaron a pechar á circulación os dous carrís e o tráfico foi desviado na saída anterior ao suceso. Tres horas despois, cara ás nove e media da mañá, os bombeiros foron quen de apagar o lume, con todo continuaron traballando na calzada para restablecer as condicións de seguridade da vía. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade