A sesión de investidura de Feijóo celebrarase os días 26 e 27 de setembro
A sesión de investidura de Feijóo celebrarase os días 26 e 27 de setembro
A presidenta do Congreso, Francina Armengol, convoca o debate tras falar co candidato e ao considerar que "é tempo suficiente" para que Feijóo negocie os apoios que precisa para lograr a confianza da cámara
Feijóo comezará a semana que vén as conversas cos grupos e o PP confía en conseguir os catro apoios
O PNV reunirase por "cortesía" con Feijóo, sen entrar "en combinacións" con Vox
A presidenta do Congreso, Francina Armengol, anunciou este mércores que o debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo será os próximos días 26 e 27 de setembro, logo de que este martes o rei Filipe VI, tras a primeira rolda de consultas, propuxera o presidente do PP como candidato a formar Goberno en caso de que consiga a confianza da cámara.
Segundo explicou Armengol, a decisión sobre a data tomouna tras consultar co propio Núñez Feijóo "onte á noite e tamén durante esta mañá", e cre que o tempo que queda ata esa sesión de investidura "é máis que prudencial para que o candidato poida realizar as negociacións oportunas cos representantes das diferentes formacións políticas".
Deste xeito, tamén se evita que haxa que votar en Nadal en caso de que finalmente houbese unha repetición electoral, dado que os prazos levarían xa a que esas eleccións se celebrasen a mediados de xaneiro.
O pleno comezará coa exposición por parte de Feijóo do programa político de Goberno co que solicitará a confianza da Cámara e nunha primeira votación, que será o 27 de setembro, necesitará maioría absoluta, 176 escanos, para ser elixido.
En caso de non conseguir os votos necesarios neste primeiro intento, celebrarase unha segunda votación, 48 horas máis tarde, o 29 de setembro, en que o candidato xa só requirirá maioría simple para ser designado presidente.
Polo momento, e tras recibir o apoio de Vox, Unión do Pobo Navarro e Coalición Canaria, Feijóo conta con 172 votos, catro menos dos necesarios para a maioría absoluta, polo que este martes anunciou que falará cos outros grupos antes de someterse ao debate.
Esteban González Pons, vicesecretario de Institucional, recoñecía nunha entrevista en Onda Cero que Alberto Núñez Feijóo teno "dificilísimo" porque "o PP non está disposto a calquera cousa por gobernar". Na súa opinión, "un acordo con Junts e Vox ao mesmo tempo é imposible".
Conscientes da dificultade, o PP apunta á bancada de en fronte. González Pons avoga por "mirar aos ollos ao PSOE e aos socialista e dicirlles: preferides algo con nós ou con Bildu e Puigdemont?".
Pero o PSOE non están polo labor. Cren que Feijóo vai fracasar. Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, descríbea como "unha investidura fake, é a crónica dun fracaso anunciado". Segundo o socialista, "isto é unha estratexia para ver se conseguen o obxectivo que teñen detrás, que é a repetición das eleccións".
O socio da coalición, Sumar, considera que Alberto Núñez Feijóo "estanos facendo perder o tempo" e por iso dáse présa en negociar con Junts e Esquerra. Xa está buscando cun grupo de expertos o posible encaixe xurídico dunha eventual lei de amnistía.
Para Marta Lois, voceira de Sumar no Congreso, "é importante falar sen medo de que as leis de amnistía en Europa foron frecuentes". Cre a tamén presidenta da formación que "en España é o momento de falar, de dar avances neste sentido".
A Constitución establece no artigo 99 que se transcorrido o prazo de dous meses, a partir da primeira votación de investidura, ningún candidato obtén a confianza da cámara, o rei disolverá ambas as cámaras e convocará novas eleccións, que se celebrarán 47 días despois. Eses comicios, en caso de repetición, serían polo tanto o 14 de xaneiro.