Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arranca a campaña da sardiña da frota do cerco

Arranca a campaña da sardiña da frota do cerco

Son pouco optimistas porque a cota de capturas é un 21 % menor

G24.gal 19/03/2024 14:02

O cerco galego estreaba o luns a campaña da sardiña. Aínda non está en temporada e a meirande parte dos cerqueiros da frota galega está agora nas campañas do bocarte e da xarda. Só unha trintena dos máis de douscentos cerqueiros quedaron aquí e o arranque de campaña da sardiña foi moi heteroxéneo nas lonxas galegas.

Manuel Suárez, xerente da Asociación do Cerco Galego: "Temos en distintas lonxas distintos arranques. Dende Vigo, que a sardiña que houbo tivo un prezo moi baixo para ser un inicio de campaña coma este, ata Ribeira, que acadou prezos bos, elevados, e na Coruña medios, arredor dun euro, na Coruña 2 ou 3 euros, e en Vigo 0,15, 0,25 euros".

Segundo a presidenta de ACERGA, Carmen Chamorro, "as perspectivas son regulares, temos pouca cota, non vai chegar ata final de campaña e o que máis medo temos é que empecemos a descargar mediano e que consumamos a cota con peixe a moi baixo prezo".

A perspectiva non é optimista, cun 21 % menos de cota de sardiña respecto ao ano pasado. O sector busca ordenar a pesqueira e fixar unha forma razoable de explotar un recurso cada vez máis escaso. 

Recoñece Manuel Suárez que "somos moi dependentes do xurelo, da sardiña, da xarda e do bocarte. Bocarte na zona 9 en que estamos aquí en Vigo, non hai apenas cota, xarda, non está, xurelo na 9 non existe... Polo tanto aquí temos sardiña, e onde estamos agora, o prezo que leva non sustenta, polo que teremos que mirar de optimizar o mellor posible".

Son moi conscientes de que o mar nunca dá o que ti queres e a maior preocupación é o prezo. O repartimento das cotas tampouco favoreceu o cerco galego, que ten por diante unha campaña de sardiña moi complicada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar