Arrancou a campaña marisqueira máis accidentada da ría de Noia
Arrancou a campaña marisqueira máis accidentada da ría de Noia
Os prezos da poxa compensaron o malestar pola situación vivida coa marea vermella
O berberecho de primeira vendeuse a uns dezanove euros o quilo e o de segunda ao redor dos oito
A ameixa fina de primeira categoría chegou aos 88 euros o quilo, a de segunda a 45
Este mércores arrancou por fin a campaña marisqueira máis accidentada dos últimos tempos en Noia. Os prezos da poxa finalmente compensaron un pouco todo o malestar dos mariscadores pola situación vivida coa marea vermella e as súas consecuencias.
Finalmente o que sucedeu foi que nesta primeira poxa da campaña, atípica, como dicimos, complicada, os prezos foron aceptables segundo os responsables da confraría. O berberecho de primeira vendeuse a uns dezanove euros o quilo e o de segunda arredor dos oito. A ameixa fina de primeira categoría chegou aos 88 euros o quilo, a de segunda a 45. A babosa de primeira a uns 25 euros o quilo e a xaponesa a 19 euros.
O malestar da mañá por eses malentendidos e atrasos nos comunicados coas probas da toxina era palpable. Polos cartos que perden, máis de 200 euros diarios, din moitos. E din que non se recuperan, porque a partir de novembro o marisco mingua.
Finalmente, o inicio da campaña e os prezos conseguidos melloraron un pouco unha xornada tensa e intensa na ría de Muros e Noia.