ARVI agarda que Bruxelas exima a volanta e o palangre do veto á pesca de fondo
ARVI agarda que Bruxelas exima a volanta e o palangre do veto á pesca de fondo
O presidente dos armadores de Vigo, Javier Touza, amósase esperanzado tras a reunión mantida onte coas autoridades europeas
O presidente da asociación de armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, aprecia un cambio na sensibilidade da Comisión Europea que pode beneficiar o sector á hora de fixar os novos vetos para a pesca de fondo.
Tras a reunión mantida onte coas autoridades europeas, Touza ten a esperanza de que Bruxelas teña en conta a opinión do sector á hora de diferenciar a pesca de arrastre doutras artes, como a volante ou o palangre.
"É unha cuestión de vontade política que se recoñeza que son artes máis protectoras dos fondos mariños", dixo nunha entrevista no 'Galicia por diante'. Touza pide tamén que se teña en conta o informe do impacto socioeconómico desas prohibicións.
O veto á pesca de fondo en 87 áreas vixente desde outubro provocou perdas que os armadores de Vigo cuantifican, no seu caso, en 150.000 euros por barco. Ademais, o responsable dos armadores vigueses constata unha caída de capturas de varias especies, debido a que os barcos do arrastre desprazados das zonas prohibidas pescan agora en áreas onde traballan outras artes.
"Na lonxa de Vigo estamos a poxar un 10 ou 12 por cento menos de peixe tamén procedente do Gran Sol. Estamos a notar unha caída de pescada, de peixe sapo...".
Touza referiuse tamén á posible entrada do grupo Cooke en Nueva Pescanova, a través da adquisición das accións de Abanca. Na súa opinión, sería un movemento positivo para o sector pesqueiro galego, sempre que "manteñamos a toma decisións en Galicia e, sobre todo, o mantemento dos postos de traballo".