Publicador de contidos
Publicador de contidos

As candorcas deixan sen temón dous veleiros a seis millas de Ribeira

As candorcas deixan sen temón dous veleiros a seis millas de Ribeira

É unha familia de cinco individuos duns oito metros de longo que se achega a veleiros de menos de quince metros

Romperon o temón do Ormelune e tiveron que reparalo en Muros
G24.gal 27/07/2022 14:21

As candorcas volveron á costa galega. Dous veleiros que navegaban a seis millas ao oeste de Corrubedo, en Ribeira, tiveron problemas. Un deles puido seguir navegando cara O Porto, malia ter o temón estragado porque gobernaba cos motores.

Outro tivo que quedar no porto de Muros para reparar os danos que lles fixeron as candorcas. Eran catro ou cinco exemplares duns oito metros de longo e despois de quitarlles o temón estiveron batendo contra o casco durante case unha hora.

A tripulación do veleiro francés Ormelune viuse sorprendida polas candorcas cando navegaba cara a Xibraltar. É a primeira vez que lle pasa a esta familia que adoita a navegar cara ao Mediterráneo preto das costas da península. Aseguran que foi cousa de segundos. Cando se deron conta non podían gobernar o barco. 

"As candorcas apareceron de non sei onde, non as vin antes. Viñeron e romperon o temón. E despois estiveron dando voltas ao barco e batendo contra o casco", asegura Thierry, o dono da embarcación.

Tiveron que ser rescatados pola embarcación Salvamar Regulus de Salvamento Marítimo que os levou ao porto de Muros. Din que se puxeron en contacto con eles uns técnicos do ministerio de Transportes, que ten as competencias sobre a navegación para reunir información sobre os cetáceos, e dixéronlles que son unha familia de candorcas que percorre a costa atlántica da península ibérica detrás dos bancos de atún.

"Son unha familia que vive na costa dende Xibraltar ata aquí, son catro ou cinco individuos que veñen pero non está claro porque veñen cara aos barcos. Todos son de menos de quince metros e veleiros, aos de motor non van", afirma Thierry.

En Galicia non son casos illados e os encontros de candorcas con veleiros repítense cada verán. Desde Salvamento Marítimo dan unha serie de consellos para todos os navegantes que se topen con estes animais. Recomendan si é posible, baixar a velocidade, parar o motor e baixar as velas. Ao mesmo tempo, é necesario contactar co 112 ou a canle 016 na radio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade