As chaves da reforma das pensións publicada hoxe no BOE
As chaves da reforma das pensións publicada hoxe no BOE
Prevé subas de bases máximas e de cotizacións, melloras nas pensións mínimas e o establecemento dun modelo dual para calcular a pensión,
O Goberno levará ao Pacto de Toledo antes do 1 de abril de 2024 a reforma da xubilación parcial
O Boletín Oficial do Estado publica o Real Decreto-lei que desenvolve a segunda fase da reforma de pensións, centrada en aumentar os ingresos do sistema para facer fronte ás tensións financeiras que provocará a xubilación dos baby boomers nas décadas de 2030 e 2040.
A reforma, que entrará en vigor o 1 de abril agás determinados preceptos, prevé subas de bases máximas e de cotizacións, melloras nas pensións mínimas e o establecemento dun modelo dual para calcular a pensión, que dará opción a elixir entre os últimos 25 anos cotizados ou 29 anos, descartando neste caso os dous peores.
Esta norma, froito do acordo entre o Goberno, CCOO e UXT e negociada con Bruxelas, é un dos fitos vinculados ao cuarto desembolso de fondos europeos. Con ela complétase o paquete total de cambios no sistema da Seguridade Social adoptados nesta lexislatura e recolleitos no Plan de Recuperación.
As principais medidas recollidas na reforma
- Modelo dual para determinar a contía da pensión: esta poderá calcularse ou cos últimos 25 anos cotizados ou con 29 anos de cotización, dos que se poderán excluír os dous peores, polo que na práctica o cómputo neste segundo caso será de 27 anos. Esta nova opción irase introducindo de maneira progresiva, desde 2027 a 2038, ano en que xa quedarán completamente despregados os 29 anos, menos dous.
Ata 2040 poderase elixir entre esta opción e os últimos 25 anos, mentres que entre 2041 e 2043 a opción de 25 anos irá subindo a razón de seis meses por ano, desde 25,5 anos en 2040 a 26,5 anos en 2043, e poderase elixir entre este período ou os 29 anos, menos os dous peores. A partir de 2044 xa non se poderá elixir e a pensión calcularase con 27 anos efectivos de cotización (29 anos menos os dous peores). De oficio, mentres existan as dúas alternativas, a Seguridade Social sempre aplicará a máis vantaxosa para o traballador.
- Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI). A actual sobrecotización do MEI, do 0,6 %, subirá ata o 1,2 % en 2029, a un ritmo dunha décima por ano e coa seguinte distribución: 1 % a cargo da empresa e 0,2 % a cargo do traballador. Esta sobrecota manterase no 1,2 % de 2030 a 2050 e poderá aumentar de xeito automático se o gasto en pensións excede o 15 % do PIB.
Os ingresos do MEI irán destinados a engordar o Fondo de Reserva das pensións, o chamado peto, que, partindo de algo menos de 3.000 millóns de euros este ano, chegará a acumular cara a mediados dos 40 entre 120.000 e 130.000 millóns de euros, o dobre do que tivo en 2011 (68.000 millóns de euros), ata o de agora a cifra máis alta.
Estes fondos iranse desembolsando entre principios da década de 2030 e ata os primeiros anos de 2050 para que o sistema afronte as tensións financeiras derivadas das xubilacións dos baby boomers.
- Límites á disposición de activos do peto das pensións: Desde 2033, a Lei de Orzamentos establecerá o desembolso anual do Fondo de Reserva en termos de porcentaxe do PIB, cun límite máximo para cada exercicio do período 2033-2053 que se moverá entre o 0,10 % do PIB (2033) e o 0,91 % (2047), dependendo de cada exercicio.
- Cota de solidariedade: establécese unha cotización para a parte do salario que non cotiza por superar a base máxima de cotización. Esta será do 1 % en 2025 e irá aumentando a un ritmo de 0,25 puntos por ano ata chegar ao 6 % en 2045 (5 % a cargo da empresa e 1 % a cargo do traballador).
- Bases máximas: as bases máximas de cotización subirán anualmente co IPC máis un cota fixa de 1,2 puntos entre 2024 e 2050. Isto implicará un aumento acumulado do 38 % ata 2050.
- Pensión máxima: as pensións máximas revalorizaranse desde 2025 co IPC anual máis un incremento adicional de 0,115 puntos porcentuais acumulativos cada ano ata 2050, o que supoñerá unha suba aproximada do 3 %. A partir de 2051 e ata 2065 produciranse incrementos adicionais para que ao final do período, en 2065, a pensión máxima teña subido de maneira acumulada un 20 %. A partir dese ano valorarase a conveniencia de chegar a un incremento total do 30 %.
- Subida das pensións mínimas contributivas: establécese un itinerario de converxencia das pensións mínimas contributivas para asegurar que, desde 2027, non sexan inferiores ao limiar da pobreza calculado para un fogar composto por dous adultos. Así, tomando como referencia a evolución da pensión mínima con cónxuxe a cargo, irán subindo entre 2024 e 2027 de maneira progresiva, por encima da revalorización media das pensións, por tanto, por encima do IPC.
O obxectivo é que a pensión mínima de xubilación contributiva con cónxuxe a cargo chegue polo menos en 2027 aos 16.500 euros anuais, o que serían 1.178,5 euros ao mes en catorce pagas, un 22 % máis que agora.
- Mellora das pensións non contributivas: estas medrarán tamén por encima da revalorización media das pensións, ata converxer en 2027 co 75 % do limiar da pobreza calculado para un fogar unipersoal.
- Cobertura de lagoas e fenda de xénero: a cobertura de lagoas de cotización mellórase para as mulleres e o complemento da fenda de xénero subirá un 10 % adicional á súa revalorización anual no bienio 2024-2025. Ademais, recoñeceranse como cotizados os tres primeiros anos de excedencia por coidado de fillos e familiares, e aos autónomos tamén se lles cubrirán, por primeira vez, lagoas de cotización.
- Fiscalización da AIReF: a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) fiscalizará a reforma a fin de que o gasto en pensións non supere o 15 % do PIB. Para iso, publicará e enviará ao Goberno, desde marzo de 2025 e cada tres anos, un informe de análise sobre como van evolucionando os ingresos.
No caso de que detecte un exceso do gasto en pensións, propoñerase ao Pacto de Toledo medidas para eliminalo vía aumento das cotizacións ou outra fórmula alternativa que eleve os ingresos ou reduza o gasto en pensións ou unha combinación de ambas.
En todo caso, prevese que, se estas medidas demoran no tempo, a cotización do MEI aumente para compensar o 20 % do exceso estimado pola AIReF a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte e outro 20 cada un dos anos seguintes, ata que se adopten novas medidas do mesmo impacto ou o exceso de gasto sexa corrixido.
O Goberno informará periodicamente o Pacto de Toledo e os axentes sociais das proxeccións de gasto en pensións realizadas no informe de envellecemento que elabora a Comisión Europea.
- Xubilación parcial: O Goberno comprométese a presentar no Pacto de Toledo, antes do 1 de abril de 2024, unha reforma negociada da figura da xubilación parcial, a fin de garantir un réxime de compatibilidade efectiva entre traballo e pensión, preservar a calidade do emprego das persoas relevistas e equilibrar o custo desta modalidade de pensión.
- Observatorio para o paro dos autónomos: crearase un observatorio para mellorar a eficacia e cobertura da prestación por cesamento de actividade por causas económicas dos traballadores e traballadoras autónomas e tamén da integración de períodos sen obrigación de cotizar.
- Cotización por prácticas formativas ou académicas externas: integraranse na Seguridade Social os alumnos e alumnas que realicen prácticas formativas ou que realicen prácticas académicas externas.