Basilio Otero: "Estamos pedindo un plan nacional de formación pesqueira"
Basilio Otero: "Estamos pedindo un plan nacional de formación pesqueira"
O presidente da Federación Nacional de Confrarías avoga por un "grande organismo" que promova os produtos pesqueiros todo o ano
Basilio Otero valora que Bruxelas dese luz verde ao Perte Mar-Industria con 40 millóns en axudas e demanda axilidade ao Goberno na repartición das subvencións
O presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, pide un "plan de formación nacional no que guiarse as comunidades autónomas" para incentivar a educación na pesca que facilite a remuda xeracional. Considera que os cambios na Lei de estranxeiría solucionaron, en parte, a falta de tripulantes nalgunhas pesqueiras, pero di que existe un problema nas titulacións relacionadas co sector.
"A transferencia na formación fai que as comunidades autónomas vaiamos a ritmos moi diferentes", sinala Basilio Otero.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, sinala que "se ve, por exemplo, como Asturias ten a sorte de que ten un director xeral de Pesca que foi profesor de náutica e sabe moi ben do que fala e vai a anos luz do resto de comunidades autónomas. Sería necesario e moi bo ter un plan de formación nacional" elaborado polo Ministerio.
Como responsable da Comisión do Consello Económico e Social que elaborou un informe que se presenta hoxe en Vigo sobre o futuro da pesca, a acuicultura e a industria transformadora en España, Basilio Otero cre "fundamental" unha maior colaboración e diálogo entre a Administración e o sector".
"Non podemos estar lexislando soamente cara ao verde", explica Basilio Otero.
Nese senso, indica que Bruxelas aí ten que poñerse as pilas e estamos pedindo que despois das próximas eleccións europeas haxa un gran comisionado de pesca ou se non un maior comisionado de agricultura e pesca, xa que os consellos europeos son de agricultura e pesca e, dende logo, unha maior cohesión. Hai que ter unhas cláusulas espello igual que están pedindo os agricultores para os produtos que se importan de fóra para que teñan as mesmas esixencias que temos os produtores europeos. Dende logo é un reto importante e é unha viabilidade de futuro sen o que non imos ter moito onde ir pescar e como pescar, que é o problema".
Basilio Otero avoga por un "grande organismo estatal" que promova os produtos pesqueiros todo o ano, ao entender que as campañas autonómicas e asociativas actuais son, ás veces, inconexas e dunha duración limitado. "Tiñamos un mecanismo moi importante que era o FROM, que dicía "Pezqueñines, no gracias, debes dejarlos crecer". Iso foi callando na sociedade e iso demostra que unha boa publicidade axuda a ter un consumo relevante e non un descenso como o que temos nos últimos anos, en que Portugal nos pasou por diante en renda per cápita de consumo de peixe", comenta.
Desde as confrarías, Basilio Otero valora que Bruxelas dese luz verde ao PERTE Mar-Industria dotado con 40 millóns de euros en axudas para o sector da conserva e acuícola e demanda "axilidade" ao Goberno na repartición das subvencións.
Afirma que "un problema gordo que temos é a burocracia sobre todo na cantidade de documentación esixida, que moitas veces imposibilita que se poida realizar esa posible axuda e logo na obriga, e falo por experiencia no mundo do mar, da relación telemática das persoas xurídicas coa Administración dificulta moito esta posible colaboración. Entendemos que temos bos técnicos que poden resolver esta segunda parte. Agora queda a primeira, que sexan áxiles na súa redacción e, sobre todo, intelixentes nas bases para que ninguén quede fóra desa posible subvención".