As ONG reclaman axuda económica máis que material ante a crise en Ucraína
As ONG reclaman axuda económica máis que material ante a crise en Ucraína
"É mellor a doazón económica que a material para que as organizacións humanitarias canalicen as axudas e estas sexan de calidade", reclama Felipe Noya, voluntario de Médicos do Mundo.
Esixen que se acollan os ucraínos en condicións dignas en vivendas e non en campos de refuxiados.
Piden que a sociedade se informe antes de axudar. "Non hai que precipitarse, a emerxencia vai durar tempo e as consecuencias da guerra tardarán en chegar", insiste Noya.
As organizacións humanitarias españolas traballan nunha resposta humanitaria coordinada e de calidade ante a invasión rusa de Ucraína. Recoñecen a capacidade da sociedade galega e española para mobilizarse ante as crises, como asegurou no programa Bo Días da TVG, Felipe Noya, voluntario de "Médicos do Mundo".
"A vontade é importante pero a calidade da intervención aínda máis. A eficacia da axuda é un dos valores que desde as organizacións humanitarias expertas en conflitos podemos ofrecer para canalizar esas axudas" asegura Felipe Noya.
Desde as ONG´s piden que a sociedade se informe sen esquecer que nestes momentos hai polo menos dúas ducias de conflitos "silentes" no mundo. O preocupante é cando decae a atención mediática. A intención de enviar axuda nos primeiros momentos estresa os sistemas das organizacións polo que insisten en canalizar de xeito profesional a acción humanitaria.
"De entrada preferimos que a doazón se faga por medios económicos máis que materiais. Utilizamos plataformas loxísticas internacionais contrastadas que adaptan a axuda ante unha situación cambiante día a día, hora a hora" insiste Felipe Noya.
Asegura este médico traumatólogo que colaborou en distintas catástrofes polo mundo que o importante é que a axuda chegue aos receptores con eficacia, que precisamente é o que ofrecen as organizacións humanitarias que coñecen as necesidades e ofrecen transparencia.
"Efectividade e experiencia do traballo. Non hai que precipitarse a emerxencia vai durar moito tempo" di Noya.
Desde as organizacións humanitarias advirten de que a profesionalidade é necesaria para coñecer as necesidades reais en cada momento, para chegar con calidade real.
"Espero que non sexan precisas mantas nin tendas de campaña. Falamos dunha crise de cando menos 4 de persoas. Sería humillante para a comunidade internacional e en particular par Europa que se establecesen campos de refuxiados na fronteira de Ucraína" afirma Felipe Noya.
A tendencia é acoller aos refuxiados en condicións dignas, en vivendas. Moitos ucraínos están a quedar en Polonia, porque alí teñen relacións familiares.
"Un ucraíno está mellor nas proximidades da fronteira, cerca do seu país, coa súa familia que alonxada, desprazada noutros lugares como poida ser Galicia" asegura Noya.
Ante unha crise destas características desde as organizacións humanitarias insisten en que antes unha situación cambiante, elas proporcionan calidade na intervención. Aseguran que o peor aínda está por vir, como pasa nos conflitos armados. Aseguran que o apoio mediático está cando as consecuencias das guerras aínda non chegaron.
"A guerra é a causa da pobreza, das miserias, das enfermidades e moitas veces ata dentro de meses ou anos non chega o agravamento" insiste Noya.
As organizacións humanitarias aseguran que máis que nunca é necesario defender os valores humanitarios e a solución pacífica dos conflitos.