Publicador de contidos
Publicador de contidos

As reformas non autorizadas converteron o Sempre Güeto "nun buque inseguro"

As reformas non autorizadas converteron o Sempre Güeto "nun buque inseguro"

No naufraxario en xuño de 2021 en Cedeira faleceran dous dos seus dez tripulantes

O informe da Ciaim engade que "as condicións de flotabilidade e estabilidade precarias agraváronse aínda máis pola adición de artes sobre cuberta de peso moi superior ao autorizado"

G24.gal 27/02/2024 11:53

O sinistro do cerqueiro Sempre Güeto, ocorrido en xuño de 2021 nas proximidades de Punta Candieira, en Cedeira, produciuse despois dunha serie de reformas que "modificaron substancialmente os seus trazos construtivos principais afectando de forma moi negativa as súas características de flotabilidade e estabilidade, ata o punto de convertelo nun buque inseguro". Morreron dous dos dez tripulantes.

Así figura nas conclusións do informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), que engade que "as condicións de flotabilidade e estabilidade precarias agraváronse aínda máis pola adición de artes sobre cuberta de peso moi superior ao autorizado".

O 17 de xuño de 2021, este pesqueiro, sen peixe a bordo e con dúas redes sobre cuberta, navegaba entre Cariño e Cedeira, rumbo ao seu porto base en Portosín, cando unha serie de fortes golpes de mar "provocou unha escora a babor moi acusada, da que a embarcación non puido recuperarse, terminando quilla ao sol en poucos minutos".

Os tripulantes abandonaron apresuradamente o pesqueiro e oito deles foron rescatados ilesos polo pesqueiro Argote Dous. Con todo, dous homes faleceron e os seus corpos foron recuperados.

O Sempre Güeto non chegou a afundirse e puido ser remolcado ao porto de Ferrol, onde foi endereitada. Tras realizarse unha comprobación, determinouse que "a embarcación navegaba con estabilidade precaria, debido a unha serie de obras de reforma realizadas sen supervisión e a levar unhas redes de peso moi superior ao autorizado".

"O buque navegou durante anos empeorando progresivamente as súas condicións de flotabilidade e estabilidade coas modificacións realizadas e o emprego de artes máis pesadas, ata que chegou o momento en que as condicións de mar e vento que atravesaron o día 17 de xuño, sen ser extraordinarias, comprometéronas definitivamente", afirma a Ciaim. "Buscando un símil coloquial, foi a pinga que colmou o vaso", apostila a investigación.

E é que as modificacións acometidas no buque realizáronse sen autorización da Autoridade Marítima, xa que non foron detectadas polos servizos de inspección en toda a existencia do buque.

Ademais, "o envorco foi moi rápido, polo que non deu tempo a realizar un abandono ordenado da embarcación". "Con todo, existen indicios de que os tripulantes non estaban familiarizados cos procedementos de abandono e emerxencia", agrega a investigación.

Paralelamente, a Ciaim critica a falta de inspección por parte de Capitanía Marítima destas obras no buque. "Sen restar importancia á actuación de pártea armadora, faise difícil xustificar que, ao longo de todos estes anos, ningún inspector das Capitanías Marítimas que asistiron a este buque, advertise algún destes cambios".

De feito, nas súas recomendacións de seguridade, apunta á Dirección Xeral da Mariña Mercante que debe realizar unha acción formativa específica dirixida aos inspectores dos Servizos de Inspección das Capitanías Marítimas onde teñan o seu porto basee pesqueiros de cerco de características similares ao Sempre Güeto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade