Publicador de contidos
Publicador de contidos

Exteriores tenta axilizar a repatriación das vítimas do atentado de Afganistán

Exteriores tenta axilizar a repatriación das vítimas do atentado de Afganistán

Faleceron dúas mulleres de Barcelona, nai e filla, e un home de 63 anos natural de Xirona

Outra turista española quedou ferida e permanece ingresada con prognóstico reservado

Segundo o ministro de Exteriores, todo apunta a que se trata dun ataque terrorista

G24.gal 19/05/2024 09:22 Última actualización 19/05/2024 21:09

Dous diplomáticos españois aterraron este domingo en Cabul, capital de Afganistán, para tentar axilizar os trámites de repatriación dos corpos dos tres cataláns que faleceron o venres no atentado da cidade de Bamiyán, e prestar axuda e asistencia consular.

Tamén están en contacto co hospital onde permanece ingresada a bilbaína ferida no ataque, que evoluciona favorablemente, aínda que o seu prognóstico é reservado. Ten arredor de 80 anos.

Segundo confirmou o ministerio de Asuntos Exteriores, os dous españois que non sufriron danos no ataque xa marcharon de Afganistán. Un na mañá deste domingo e o segundo, unhas horas más tarde, porque quixo facer antes unhas xestións persoais.

As vítimas

O concello de Terrassa decretou loito oficial e un minuto de silencio. Aquí tiña a súa farmacia a muller de 31 anos asasinada en Afganistán canda a súa nai, de 65 e tamén farmacéutica en Barcelona, e un enxeñeiro xubilado, de 63 anos e natural de Xirona.

"Estamos profundamente consternados por este brutal asasinato, neste caso tamén dunha persoa cun vínculo moi especial coa cidade de Terrassa, Elena. Elena era unha farmacéutica no barrio das Arenas. Unha persoa solidaria, unha persoa moi querida", asegura Jordi Ballart, alcalde da localidade.

Foron tiroteados pouco despois de visitar un bazar no mercado de Bamiyán, no centro do país, canda outros nove turistas occidentais.

No ataque tamén morreron tres cidadáns afgáns e quedaron feridas oito persoas, entre elas a muller española, un lituano, un noruegués e un australiano.

Ataque sen reivindicar

De momento, ningunha organización se atribuíu a agresión, pero desde que os talibáns están no poder case todos os ataques foron asumidos polo Estado Islámico.

O goberno de Cabul informou da detención de sete sospeitosos e, en España, a Fiscalía da Audiencia Nacional abriu unha investigación para determinar se foi un acto terrorista e esclarecer as responsabilidades.

Segundo o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, todo apunta a que se trata dun ataque de corte terrorista, o un atentado, e que o obxectivo era este grupo de turistas occidentais".

España e a maioría da comunidade internacional recomendan desde hai tempo non viaxar a Afganistán pero os talibáns están tratando de promover o turismo. No último ano recibiron 5.000 visitantes estranxeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade