Asaltan a igrexa do San Bieito do Marañao, en San Cristovo de Cea
Asaltan a igrexa do San Bieito do Marañao, en San Cristovo de Cea
No templo só había algunhas moedas das esmolas
Os ladróns asaltaron a igrexa do San Bieito do Marañao, en San Cristovo de Cea. Accederon ao templo forzando unha das portas laterais na procura de cartos ou obxectos de valor. Foi máis o estrago que o botín, porque tan só había algunhas moedas das esmolas.
Aínda son evidentes parte dos danos que provocaron os ladróns nesta igrexa do San Bieito do Marañao.
"A primeira vez levaron os santos que había de madeira todos e agora fixéronos de pedra e non os levan, entón ten un oco onde lle meten moedas e supoño que romperían para coller as moedas que metería por alí a xente. Romperon a porta cunha machada ou con algo parecido e as moedas terían algún euro se había".
De feito din que ninguén entende moi ben o sentido do roubo.
"A verdade é que me deu moita pena, non sei que poderían ir buscar alí porque diñeiro posiblemente que pouco e cousas de valor tampouco creo que haxa ningunha, entón a verdade é que sorprendido".
A romaría do San Benito do Marañao que se celebra dúas veces ao ano, congrega centos de persoas. Por iso os máis dos fregueses din sentirse moi doídos co acontecido.
"Sentes case coma se fora contra ti mesmo porque estás afeito a pasar por aí, poñerlle un cirio...para min é moi importante o San Benito".
"Miña naiciña, para min é un sacrilexio porque alí na capela a imaxe, nin o santiño lle fan mal a ninguén. Nin pide pan a ninguén, se lle queren dar algo danlle e senón non pide nada".
Os ladróns romperon unha das portas laterais para levar os poucos cartos que había no peto, abriron o sagrario e tiraron cousas polo chan. A igrexa está nunha zona apartada, o que puido facilitar o roubo.
"Dende que fixeron a autoestrada... antes estaba entre monte todo e agora aínda pasan coches dun lado a outro, pero está soíña aí. A aldea máis preto está a uns catrocentos ou cincocentos metros, un golpe ou unha martelada que pegue na porta ninguén se decata de nada".
Os fregueses volverán á capela do Marañao o vindeiro mes de marzo para celebrar o seu San Benito do inverno.