Publicador de contidos
Publicador de contidos

Asaltan á man armada un comercio no centro de Foz

Asaltan á man armada un comercio no centro de Foz

Un atracador cunha pistola e con pasamontañas roubou a recadación da xornada

Félix Aragunde 12/01/2023 13:58

Unha tenda de lambetadas da avenida da Mariña, no centro de Foz, foi asaltada. O suceso produciuse á última hora da tarde, xusto antes do peche do comercio.

O atracador entrou coa cara cuberta cun pasamontañas e ameazou a dependenta cunha arma de fogo. Acto seguido, ordenoulle abrir a caixa rexistradora e roubou varios centos de euros, correspondentes á recadación do día.

Manuel Prada, traballador da tenda asaltada: "Acabando a xornada laboral, atracounos un home duns 40 anos. Ameazou a compañeira cunha pistola e, cuns guantes transparentes, colleu os cartos el mesmo da caixa. Marchou da tenda e deseguido chamamos a Garda Civil".

Aínda que non houbo que lamentar feridos, o atraco causou preocupación tanto nesta tenda coma nos numerosos negocios da contorna. De feito, é o segundo suceso deste tipo que se rexistra no último mes nesta vila mariña.

Mari Legaspi, comerciante: "Xa as vendas son como son, e que enriba che veñan roubar xera preocupación".

Cati Ramos, comerciante: "Teño medo de que se volva algo cotián e que deixemos de ter esa tranquilidade que temos normalmente".

Manuel Prada, traballador da tenda asaltada: "É moita a preocupación na vila, con moita xente que me pregunta. Non pasou nada lutuoso, pero o susto queda, tanto no resto coma en nós".

A Garda Civil investiga agora a identidade do autor destes feitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade