Atopan un portal de Cambados cheo de feces por terceira vez
Atopan un portal de Cambados cheo de feces por terceira vez
Apareceron manchados o tirador da porta, os timbres do porteiro automático, as paredes e ata o teito do portal
Sospeitan de que poida tratarse dunha vinganza contra alguén que reside no edificio
Coincidiu no tempo coa aparición de rodas picadas en varios coches estacionados na zona, aínda que non saben se hai relación entre os feitos
Os veciños e veciñas pensaron a primeira vez que fora unha falcatruada, pero xa van tres as veces que unha persoa esparexe feces neste portal. No tirador da porta, nos timbres do porteiro automático, nas paredes e ata no teito.
Están preocupados porque din que ten que ser unha persoa que ten que estar perturbada mentalmente e temen ter algún enfrontamento se o atopan no portal ou mesmo sufrir algunha agresión.
Sospeitan de que poida tratarse dunha vinganza contra alguén que reside no edificio, pero todo son hipóteses. Na comunidade expúxose a posibilidade de instalar cámaras de vixilancia para sorprender a persoa ou persoas responsables na allada, pero a proposta non prosperou.
"A min xa me cheirou cando saín da porta da casa, chegue ao portal e xa non saín por aquí fun polo garaxe, pero estaba feito un noxo".
"Temos medo de saír un día coas criaturas e encontrarnos a esta persoa, que ben non pode estar, e que faga calquera outra cousa. Como fixo isto un día dálle unha coitelada a un ou entra nunha casa".
"A preocupación é que poida pasar algo máis, é antihixiénico, os rapaces cando baixan ao colexio e atopan isto é realmente noxento".
Coincidiu no tempo coa aparición de rodas picadas en varios coches estacionados na zona. Descoñécese hai relación, pero os feitos xa se puxeron en coñecemento da Policía Local e a Garda Civil e piden que se teñan en conta o problema.
O que teñen claro é o propósito de provocar a maior incomodidade posible. Tamén ocasiona un custo adicional a hora de limpar. A empresa que atende o edificio xa lles dixo que non se facía cargo se se repetía este tipo de desfeita.