Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atracan pistola en man un despacho de lotaría en Lugo e levan 400.000 euros

Atracan pistola en man un despacho de lotaría en Lugo e levan 400.000 euros

O responsable da administración chegaba para ir ao banco para ingresar a recadación e foi asaltado por dúas persoas

O elevado botín débese xa que no despacho de lotaría había moitos cartos acumulados polo alto volume de vendas dos últimos días

O loteiro asegura que tratou de facilitarlle as cousas aos atracadores e non opuxo resistencia: "Os cartos son cartos, e a vida é a vida"

G24.gal 04/01/2024 11:05 Última actualización 04/01/2024 14:07

Contra as oito e media da mañá destes mércores dúas persoas encapuchadas asaltaron a administración de lotaría número 10 de Lugo, situada na rúa Lamas de Prado.

Pistola en man apuntaron o loteiro, Guillermo Rodríguez, cando este se dispuña a abrir para recoller a recadación que tiña acumulada na caixa forte e ir ao banco para facer un ingreso.

“Cando abrín a porta esta mañá empurráronme contra a parede e apuntáronme coa pistola. Pecháronme na oficina”, explicaba Guillermo, quen asegura que en varias ocasións lle dixeron que "eran colombianos".

"Os cartos son cartos, e a vida é a vida"

Segundo relatou, os atracadores pedíronlle que abrise as caixas fortes, pero estas dispoñen dun dispositivo de seguridade que impide que se poidan abrir durante o horario de noite, polo que tiveron que agardar.

Cando por fin se abriu a primeira das caixas colleron os cartos, nesa non había unha grande cantidade, "é o diñeiro que empregamos para uso diario", explicaba Guillermo, e mandáronlle abrir a outra.

Na segunda si había moitos cartos, metidos dentro doutra pequena caixa. "Nese momento mandáronme botarme ao chan, e un deles colleu un extintor, non sei se pada darme con el ou para baleirarmo, se facía algo".  

"En trinta segundos un deles colleu todo o diñeiro e metéronos nunha bolsa negra", continuaba relatando o loteiro. "Despois dixéronme que non me levantase e fuxiron, pecharon por fóra e deixáronme encerrado na administración".

Pasados uns momentos, Guillermo incorporouse e chamou a policía, que chegou decontado. Foi un axente da policía local quen o liberou, xa que as chaves quedaran na porta polo lado de fóra.

Tras o susto, o propietario da administración dicía que tratara de facilitarlles as cousas no máximo posible os atracadores: "Eu non quero saber nada, colle os cartos e marcha", afirmaba, "en ningún momento lles plantei cara. Non me compensa, os cartos son cartos, e a vida é a vida".

400.000 euros de botín

Segundo as primeiras estimacións, o roubado podería estar arredor dos 400.000 euros, debido ao alto volume de vendas dos últimos días. "É a semana que máis cartos hai", explicaba o propietario da administración, xa que se xunta o alto volume de diñeiro que hai que ter dispoñible para pagar os premios da lotaría de Nadal coas vendas do sorteo do Neno.

A recadación do negocio está cuberta por un seguro. Así e todo, ninguén lle quita o susto ao loteiro, que chegou a temer pola súa vida.

A policía xa iniciou unha investigación. Tomou mostras polos lugares en que puideran deixar impresións dixitais, aínda que o propio loteiro confirma que levaban postas luvas precisamente para non deixar evidencias do seu paso pola administración. 

Os investigadores están tamén pendentes de ver as imaxes captadas polas cámaras de seguridade para tratar de identificar os autores, xa que, aínda que levaban o rostro cuberto, esas gravacións poden dar algunha pista sobre o seu aspecto, altura, roupa ou calquera trazo que permita dar con eles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade