Atracan no porto de Vigo cinco cruceiros ao mesmo tempo por primeira vez na historia
Atracan no porto de Vigo cinco cruceiros ao mesmo tempo por primeira vez na historia
A bordo dos cinco buques chegaron unhas 15.000 persoas, entre as pasaxes e as tripulacións
O porto de Vigo vive este martes un día histórico, con cinco cruceiros amarrados ao mesmo tempo nos seus peiraos por primeira vez.
Os máis madrugadores, tal e como estaba previsto, foron o Silver Moon e o Scenic Eclipse, que chegaron ás oito da mañá e partirán ás once da noite.
Posteriormente, ás nove, chegaron o Ambition e o Anthem of the Seas, que abandonarán a cidade ás seis e ás catro da tarde, respectivamente, e o último en sucar a ría con destino Vigo foi o Disney Dream, que abandonará a cidade ás seis e media da tarde.
A bordo dos cinco buques chegaron unhas 15.000 persoas, entre as pasaxes e as tripulacións.
O porto de Vigo, para recibir estes cinco buques, habilitou as súas tres terminais de cruceiros: as situadas no peirao de transatlánticos e na Andrómena, e puxo á disposición dos cruceiristas lanzadeiras para facilitar o seu traslado.
Para eles, a Autoridade Portuaria de Vigo, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, co obxectivo de promover a cidade, acondicionaron o paseo das Avenidas.
Alí, uns gaiteiros deron a benvida aos turistas e montáronse diferentes carpas. Hai instalados un par de camións de comida con produtos propios de Galicia.
Ademais, unha carpa de Galicia calidade, que promove a gastronomía do país e o Camiño de Santiago; un punto de información sobre a Rías Baixas, instalado pola Deputación de Pontevedra, e unha carpa de Turismo deron a benvida aos visitantes que optaron por desembarcar para pasear unhas horas pola cidade.