Atracan a punta de navalla un banco en Moraña
Atracan a punta de navalla un banco en Moraña
O presunto atracador ameazou un cliente cun obxecto punzante e esixiu os cartos da caixa
Fuxiu a pé cun botín que podería chegar os 3.000 euros
"Naquel momento non tiven medo ningún, pero cando o tipo marchou collín algo de medo". Fala Xosé Manuel Parga, o único cliente que estaba na sucursal bancaria de Moraña cando entrou un home encapuchado e coa cara cuberta.
"Nada máis entrou xa veu directo a min, púxome a man na cabeza e unha navalla nas costas". O presunto atracador colleuno como refén para esixir os cartos da caixa. A ameaza fixo efecto, "e o do banco deulle os cartos", conta Xosé.
Di que o presunto atracador fuxiu correndo e que saíron detrás del, pero xa non lle deron alcance. Marchou cun botín que podería aproximarse aos tres mil euros.
Foi cedo -arredor das 8:30 da mañá- e non saltou a alarma, así que os veciños non se decataron do presunto atraco ata que chegou a Garda Civil. Buscan o home, que describe Xosé: "Tiña unha voz moi rara -di- e era pequeneiro".
Asegura que actuou encapuchado e coa cara cuberta cunha máscara e uns lentes. A Policía Xudicial da Garda Civil investiga o caso, e xa revisaron gravacións das cámaras de seguridade dos comercios da zona, por se deran algunha pista. Non se desbota que fuxira axudado por alguén máis.