Atraco cunha pistola nunha administración de lotaría en Catoira
Atraco cunha pistola nunha administración de lotaría en Catoira
Coouse detrás da empregada cando abría e obrigouna a abrir a caixa forte, que tiña uns 3.000 euros
A Garda Civil busca o presunto atracador, que actuou encapuchado, con lentes de sol, máscara e luvas
A Garda Civil busca o home que atracou unha administración de lotaría en Catoira. No establecemento cren que o asaltante tiña ben controlada a súa rutina diaria. Aproveitou eses poucos segundos entre que levantan a reixa pola mañá, desconectan a alarma e entran na cabina, onde o persoal xa queda pechado e protexido cun cristal de seguridade. Foi nese instante que se coou detrás da empregada que abría o establecemento.
Ameazouna presuntamente cunha pistola, aínda non se sabe se real ou simulada, e obrigouna a abrir a caixa forte: viña directo polos billetes, e calculan que puido levar algo máis de 3.000 euros.
Sabía que había dúas empregadas, porque lle preguntou á asaltada cando chegaría a súa compañeira. E pensan que coñecía a posición das cámaras de seguridade, porque malia que entrou encapuchado, con lentes de sol, máscara e luvas; cuidouse ben de mirar para abaixo e evitar ser gravado.
Todo sucedeu a primeira hora da mañá, e en cousa de cinco minutos. Aínda non abrira o bar de en fronte, e ninguén viu nada. O home marchou co botín, cren que a pé, e aínda non foi localizado.