Aumenta o número de avisos por niños de velutina
Aumenta o número de avisos por niños de velutina
O maior pico de actividade desta especie invasora agárdase para agosto
Os equipos que se dedican á retirada de niños de velutina empezan o verán con traballo intenso. O número de avisos ascendeu en xuño un 60 % respecto do mesmo período do ano anterior. E isto acaba de comezar porque o maior pico de actividade agárdase para agosto.
Non hai que esperar ante a presenza dun niño, e cómpre dar aviso canto antes. Francisco Manuel Sampedro Pérez, sarxento do parque de bombeiros de Boiro, di que "é importante, se ven un niño de velutina, que avisen o 012 e eles distribúan e avisen ao resto de medios que se dedican a retirar eses niños".
Hai medios e métodos diferentes de retirada, desde os máis clásicos aos que utilizan as novas tecnoloxías. Nalgúns casos, é precisa a intervención dos bombeiros. "Adoitamos ir a sitios de risco, persoas alérxicas, colexios, lugares onde haxa moita afluencia".
Noutras ocasións, deben actuar eles porque o niño está nun lugar moi elevado e precisan os vehículos de altura acabar coas velutinas. "Depende da zona onde non poidan acceder os outros servizos, nós, neste caso co vehículo de altura de Ribeira achariámonos a retiralos".
O que si deixan claro é que hai que extremar a prudencia e evitar que os particulares intenten retirar os niños pola súa conta.