Publicador de contidos
Publicador de contidos

Blanca Paloma representará a España en Eurovisión 2023 tras gañar o Benidorm Fest

Blanca Paloma representará a España en Eurovisión 2023 tras gañar o Benidorm Fest

A súa canción Eaea acadou 169 puntos: 94 do xurado, 35 do xurado demoscópico e 40 do televoto

Asegura que irá a por todas convencida de que a súa proposta flamenca conquistará Europa

Blanca Paloma nun momento da actuación
G24.gal 05/02/2023 10:26 Última actualización 05/02/2023 11:52

Blanca Paloma gañou o Benidorm Fest coa súa canción Eaea e representará a España en Eurovisión 2023 tras acadar 169 puntos: 94 do xurado, 35 do xurado demoscópico e 40 do televoto.

En segundo lugar quedou Agoney con Quiero Arder e un total de 145 puntos; seguido de Vicco con 129 puntos; Megara con 106 puntos en cuarto lugar. A quinta foi Alice Wonder, en sexta posición quedou Karmento, na sétima José Otero e pechou a clasificación Fusa Nocta.

A gala final do Benidorm Fest 2023 comezou ás dez da noite ante un abarrotado Palau l'Illa da cidade alacantina, onde máis de 2.000 persoas vibraron coas oito actuacións candidatas ao micrófono de bronce.

Tamén gozaron coas aparicións de Ana Mena, Manuel Carrasco, Beth, Chanel e a presentadora, Mónica Naranjo.

"A por todas"

Tras a vitoria, Blanca Paloma asegurou que irá "a por todas para traer o festival á terreta", convencida de que a súa proposta flamenca conquistará Europa.

"Fóra de España tamén se ama moito o flamenco, que é universal. Cando se fai algo con verdade e autenticidade chega onde ten que chegar e belisca, eu agardo que Europa estea preparada para o belisco e esperte por bulerías", sinalou na rolda de prensa posterior ao triunfo.

Blanca Paloma (Elxe, Alacante, 1989) deulle as grazas aos "pichóns", alcume co que bautizou o seu público, e púxose como reto no seu camiño a Eurovisión aprender por fin inglés, a "única materia" que suspendeu sempre.

Relatou que na xestación da súa Eaea buscou "unha palabra que dese centro a todo, como un transo" e, na súa translación ao directo, pensou nunha homenaxe ao mantón de flocos da súa "yaya" Carmen.

"As cousas que van devagar chegan para quedar", dixo a artista ilicitana sobre a súa evolución.

A cantante foi conquistando progresivamente o público, sobre todo tras o seu paso pola semifinal desta preselección cunha impactante posta en escena deseñada por ela mesma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade