Publicador de contidos
Publicador de contidos

Buscan un home que convivía cunha muller nunha pensión de Vigo en relación co crime da maleta

Buscan un home que convivía cunha muller nunha pensión de Vigo en relación co crime da maleta

O home residiu na pensión ata setembro; á muller, de nacionalidade española e duns 60 anos, perdéuselle a pista meses antes 

No rexistro do piso alugado atopáronse indicios de que puido producirse un acto violento

As características da muller coinciden cos restos atopados na maleta 

G24.gal 29/02/2024 10:05

A Policía Nacional busca un home que conviviu cunha muller nun piso de alugueiro por cuartos de Vigo pola súa presunta vinculación co cadáver que apareceu dentro dunha maleta.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, o home alugou o cuarto o pasado verán para vivir coa súa parella, unha muller de nacionalidade española duns 60 anos de idade.  O home deixou o cuarto o pasado mes de setembro, pero a ela perdéuselle a pista meses antes.

Indicios dun feito violento

Este mércores, axentes da Policía Nacional rexistraron o devandito piso,  situado na rúa Fragoso de Vigo, preto do lugar onde se atopou a maleta. Os axentes atoparon indicios nun colchón que poderían evidenciar que alí ocorrería un feito violento.

Agora a investigación trata de localizar o paradoiro do home que alugou o cuarto xunto á muller, cuxas características serían compatibles co corpo achado na maleta. 

As mesmas fontes indicaron que se trataría dunha parella toxicómana que se dedicaba a pedir esmola nas rúas de Vigo.

Prosegue a identificación do cadáver atopado na maleta 

Por outra banda, a policía continúa coas xestións para tratar de identificar o cadáver achado na maleta.

O subdelegado do Goberno en Galicia, Abel Losada, explicou este mércores que a identificación da persoa asasinada é o tema central nestes momentos. Un obxectivo que se tenta conseguir a través de dúas vías paralelas: as probas de ADN e a recuperación das impresións dixitais coa aplicación da última tecnoloxía nun laboratorio de Madrid.

Os investigadores cren que a maleta estivo alí polo menos desde o pasado mes de agosto. A autopsia realizada ao cadáver evidencia que recibiu unha puñalada mortal, o que confirma a morte violenta da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade