Cae en Valencia unha rede criminal que vendía cadáveres a 1.200 euros cada un
Cae en Valencia unha rede criminal que vendía cadáveres a 1.200 euros cada un
Vendían os corpos a universidades para o seu estudo
Retiraban os cadáveres dos depósitos dos hospitais mediante a falsificación de documentos
A Policía Nacional desartella en Valencia unha organización crminal dedicada a vender cadáveres. Falsificaba documentación para poder retirar os corpos de hospitais e residencias para vendelos posteriormente a universidades para o seu estudo a 1.200 euros cada cadáver.
Segundo informa a Policía Nacional, chegaron a facturar 5.040 euros a unha universidade por realizar once incineracións de corpos, unha vez estudados. As incineracións non aparecían reflectidas nas facturas emitidas por ningunha das incineradoras que operan na cidade.
A investigación comezou a principios do 2023, logo de que os axentes tiveran coñecemento de que se retirou o cadáver dun falecido do depósito dun hospital de maneira irregular por parte dunha funeraria. Para isto realizáronse falsificacións no libro rexistro do mesmo, así como tamén na documentación facilitada ao Rexistro Civil.
Tras numerosas pescudas, os investigadores comprobaron que dous traballadores dunha funeraria se apoderaron do corpo para trasladalo a unha universidade para o seu estudo en vez de darlle sepultura. Ningún amigo ou familiar deu o consentimento.
Buscaban falecidos sen familiares e preferiblemente estranxeiros
Noutro caso, o defunto atopábase ingresado nunha residencia xeriátrica e, ao parecer, tres días antes de falecer, o propio home autorizara a doazón do seu corpo.
Os investigadores puideron constatar que o home pouco antes de falecer tiña menoscabadas as súas capacidades mentais, xa que sufría unha deterioración cognitiva severa, o que non lle permitiu entender o que supoñía a doazón.
Ademais, esta doazón foi asinada para que o cadáver fose remitido a unha determinada facultade de medicina, aínda que finalmente foi levado a outra, a cal pagaba máis diñeiro polo mesmo. Para iso conseguiron mediante engano que persoal sanitario asinase o cambio de destino do corpo.
Os investigados buscaban falecidos que non tivesen familiares, preferiblemente estranxeiros ou que en vida tivesen condicións precarias para realizar as irregularidades. Deste xeito, levantarían menos sospeitas, segundo a Policía.
Só realizaban unha incineración pero facturaban varias
Doutra banda, e continuando coas investigacións, os axentes descubriron que tamén se produciron irregularidades nas incineracións dos corpos que foran supostamente doados á ciencia. Ao parecer, unha vez que as universidades finalizasen os estudos cos mesmos, estas tiñan que custear as incineracións, facéndose cargo delas a mesma funeraria.
Os investigados aproveitaban a disección e desmembramento dos corpos para introducilos nos féretros doutros defuntos, realizando nunha soa incineración para varios cadáveres, aforrando pagar por elas, pero si facturándoas á universidade. Sacaban notables beneficios con esta práctica.
Finalmente, os responsables da funeraria investigada están detidos, e tamén dous traballadores. Acúsanos dun delito de estafa, e ademais a dous deles tamén se lles imputa un delito de falsidade documental.