Cae unha das bandas de narcotraficantes máis importante do norte de España
Cae unha das bandas de narcotraficantes máis importante do norte de España
A operación deixa seis detidos e a incautación de 270 quilos de diferentes drogas
Desmantelada unha das bandas de narcotraficantes máis importantes do norte de España, nunha redada conxunta da Garda Civil e a Ertzaintza, desenvolvida en Euskadi, Cantabria e A Rioxa. Hai seis detidos e os axentes comisaron 270 quilos de diferentes drogas, cun valor estimado no mercado ilegal de máis de 17 millóns de euros.
A investigación iniciouse a primeiros de abril, despois da detención dun dos seus integrantes na localidade rioxana de Calahorra.
Tirando do fío os axentes da Garda Civil e da Ertzaintza chegaron ata os outros cinco membros da banda, que foron arrestados en distintos puntos de Euskadi e Cantabria.
Nos rexistros efectuados, os axentes incautáronse de diferentes cantidades de cocaína, speed, marihuana, haxix e éxtase cun peso conxunto de 270 quilos. "Co speed e a cocaína, unha vez adulteradas estas substancias estupefacientes conseguiríanse preto de 676.000 doses, que postas á venda falariamos de 15.574.000 euros", explica Miguel Sáez, voceiro da Garda Civil.
Tamén localizaron dúas escopetas, dúas pistolas de simulación, dous vehículos de alta gama e 78.000 euros en efectivo.
Os detidos, de entre 30 e 73 anos, están acusados de pertenza a organización criminal, tráfico de drogas, branqueo de capitais e tenza ilícita de armas. Os seis ingresaron xa no cárcere de Logroño.