Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cae unha organización dedicada ao roubo de caixeiros con base loxística en Ribadeo

Cae unha organización dedicada ao roubo de caixeiros con base loxística en Ribadeo

Hai 7 detidos por 22 ataques desde 2019 en varios países, por un importe superior ao millón e medio de euros

Entre os arrestados está un dos líderes deste grupo delituoso, de orixe romanesa

G24.gal 08/07/2022 10:47 Última actualización 08/07/2022 20:30

A Garda Civil participou nunha operación desenvolvida en España, Romanía e Bélxica contra a organización "máis activa" en Europa dedicada ao roubo de caixeiros bancarios automáticos utilizando artefactos explosivos con pólvora negra.

Hai sete detidos por 22 ataques desde 2019 en diferentes países europeos, sete deles en pequenos municipios do noroeste español grazas a unha base loxística instalada en Ribadeo. Entre os arrestados está un dos líderes deste grupo delituoso, de orixe romanesa, que contaba con grande experiencia na manipulación de substancias explosivas.

A banda usaba pólvora negra que introducían en España desde terceiros países e os últimos rexistros realizáronse hai dúas semanas, segundo sinalan fontes da Garda Civil.  A Garda Civil atribúelle ao grupo sete asaltos a entidades bancarias en España e outros 15 en España, Suíza, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo e Francia, cun importe superior ao millón e medio de euros subtraídos. Tamén se esclareceron 18 delitos relacionados co roubo de vehículos e outros roubos con forza en distintas empresas españolas cometidos de maneira simultánea aos delitos principais.     

A organización actuaba no noroeste peninsular usando células operativas itinerantes e tiña en Ribadeo unha rama loxística. En outubro, fontes da Garda Civil xa adiantaron que neste concello xa detiveran dúas persoas e outras tres en Oviedo.

A investigación constatou que a organización elixía preferentemente caixeiros automáticos das localidades con menor vixilancia policial e con acceso rápido a grandes vías de comunicación para facilitar a fuxida. Os presuntos delincuentes, ademais, abandonaban con frecuencia o país onde cometeran o roubo unha vez levado a cabo. 

Empregaban o método da "pa de pizzeiro"

O método utilizado nos ataques a caixeiros era o coñecido como "pa de pizzeiro", que causaba graves danos nas estruturas dos edificios que albergaban as sucursais atacadas. A cantidade de explosivo usada chegaba en moitas ocasións a producir danos no resto do edificio onde se aloxaba a entidade bancaria. A Operación Berthelot, na que participou a Unidade Central Operativa xunto á Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia de León, iniciouse en España en 2020 despois dun ataque con explosivos contra unha sucursal bancaria no municipio leonés de Toural dos Vaos.

A investigación en España foi dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 6 de Ponferrada e a Fiscalía desa localidade e levada a cabo polo Equipo Contra o Crime Organizado da UCO da Garda Civil, a Unidade Orgánica de Policía Xudicial de León e a Unidade Técnica de Policía Xudicial, baixo coordinación de Europol e Eurojust.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade